A editatona da USC contribúe á visibilización de máis de vinte mulleres científicas na Galipedia

Vinte e tres persoas achegáronse este martes á Biblioteca Concepción Arenal da USC para participar na ‘editatona’ convocada para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia. A elas hai que lle sumar 6 máis que o fixeron de maneira virtual. A xuntanza convocábase baixo o lema ‘ Investigadoras na USC: as pioneiras’ coa fin de crear, ampliar e mellorar artigos relacionados coas mulleres na ciencia, biografías de científicas e as súas achegas.
Como resultado da wikimaratón creáronse ou ampliáronse 23 artigos, dos cales máis da metade foron sobre alumnas da Universidade de Santiago. Os perfís novos ou renovados foron os de Kisamor, Dolores Lombardero Martínez, Antonia Ferrín, Josefa Ron Noya, Ana Crespo, María de la Concepción Carnero Valenzuela, Irene Lucía Álvarez Veras, Luisa Cuesta Gutiérrez, Tarsy Carballas Fernández, Ramona Vaamonde Fernández, Gueraula Codines, Ascensión Vidal Piazuelo, Manuela Barreiro Pico, Dolores Lorenzo Salgado, María Rosario Aida Méndez Miaja, Susan Dimock, Elisabeth Christina von Linné, Balbina López Somoza, Anna Sandström, Elisa Díaz Riva, Rebeca Atienza, Sarah Parker Remond e Catherine Gage.
Na xuntanza, a priori suxeríase unha lista de 85 mulleres científicas que estudaron na Universidade de Santiago de Compostela entre 1910 e 1960 e que recolleu Xoana Pintos Barral na súa tese de doutoramento As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960 . A maiores, propoñíanse outra serie de científicas falecidas antes de 1900 sobre as que se podía comezar a traballar.
Edición na Wikipedia Na editatona colaboraron a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-Gal) e a Galipedia, cuxo representante comezou a sesión cunha charla de introdución xeral á edición na Wikipedia. Nela falou da necesidade de indicar a orixe da información incluída, e explicouse a diferenza entre o editor visual (máis intuitivo) e editar en código fonte. Conforme a xente ía rematando de redactar artigos, fóronse indicando tamén as posibilidades de HotCat para incluír as categorías correspondentes. Ao remate da sesión, explicouse por riba o funcionamento de Commons e WikiData como repositorios de información, tanto de documentos audiovisuais como de datos.