Pasar al contenido principal

O Ibader e o LaboraTe da USC amplían ata o 18 de febreiro o prazo para presentar candidaturas ao I Premio Rafael Crecente

Rafael Crecente, nunha imaxe de arquivo
Rafael Crecente, nunha imaxe de arquivo
O galardón, que pretende valorizar iniciativas innovadoras de xestión territorial en Galicia, contempla unha doazón en metálico de 2.000 euros

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC amplían ata o vindeiro 18 de febreiro o prazo para presentar candidaturas á primeira edición do Premio Rafael Crecente, un galardón co que os seus impulsores pretenden rendir homenaxe ao fundador do LaboraTe e membro do Consello Científico do Ibader, o profesor e investigador Rafael Crecente, finado en 2015.

O Premio Rafael Crecente está dirixido a alumnos/as universitarios/as (egresados) que rematasen a súa formación (grao/máster) en calquera titulación nos últimos cinco anos en España. Trátase asemade dunha convocatoria aberta á participación de titulados en calquera das áreas do coñecemento . A dotación deste galardón, cuxa cerimonia de entrega se celebrará en Lugo, consistirá, ademais do correspondente diploma de recoñecemento, nun agasallo en metálico de 2.000 euros.

Este certame en homenaxe a Rafael Crecente, considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia, alguén para quen a innovación e a creatividade eran características imprescindibles, en palabras do profesor da USC e actual director do LaboraTe, David Miranda, ten por obxectivo impulsar o desenvolvemento de ideas pioneiras.

O xurado encargado de fallar a candidatura gañadora da primeira edición deste galardón terá en conta as mellores ideas relacionadas co desenvolvemento rural ou a conservación do medio ambiente. Asemade, os promotores desta iniciativa tamén pretenden que este galardón sirva para promover a mellora da produción agraria nun sentido amplo, ademais de contribuír a unha xestión territorial sostible.

O prazo de presentación de candidaturas ao I Premio Rafael Crecente rematará o 18 de febreiro de 2018. As persoas interesadas deberán enviar a súa proposta innovadora en formato PDF ao enderezo de correo electrónico premio.rafaelcrecente [at] usc.es (premio[dot]rafaelcrecente[at]usc[dot]es). A extensión máxima de cada unha das propostas non pode superar as 50 páxinas en tamaño Din A4. As persoas interesadas en obter máis información ao respecto desta convocatoria, así como das súas bases, poden consultar a web http://www.ibader.gal ou en http://laborate.usc.es.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.02.2018.