Pasar al contenido principal

Novo pulo á produción ecolóxica en Galicia

Un técnico do Craega revisa unha plantación hortícola
Un técnico do Craega revisa unha plantación hortícola
A USC e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia colaborarán en programas de divulgación, asesoramento e formación de persoal técnico e investigador, segundo o convenio asinado entre o reitor Antonio López e o presidente do Craega, Francisco López Valladares
Lugo

A USC colaborará co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) no desenvolvemento de programas de divulgación, asesoramento e formación de persoal técnico e investigador, en virtude do convenio entre ambas entidades asinado este mércores en Lugo polo reitor da USC, Antonio López Díaz, e o presidente do Craega, Francisco López Valladares, nunha sesión na que tamén estivo presente a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel.

A creación dun marco xeral de actuacións entre as dúas entidades é o principal obxectivo deste acordo marco, a través do que se busca dar dun novo pulo ás producións ecolóxicas en Galicia  coa promoción de actividades científicas, culturais, pedagóxicas e de I+D, ademais de reforzar a alianza xa existente entre as dúas entidades.

O fluxo de persoal entre a USC e o Craega para a realización daquelas tarefas e proxectos que o requiran e a realización de prácticas por parte do estudantado da USC nas empresas adscritas á entidade responsable da certificación e promoción da agricultura ecolóxica de Galicia constitúen outros dos aspectos incluídos neste convenio marco. O acordo pretende asemade constituír unha ferramenta útil para o sector socioeconómico e fomentar a innovación e a modernización dos sectores produtivos.

O director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC, Tomás Cuesta, e o secretario do Craega, Javier García Lozano, integrarán a comisión mixta encargada de supervisar o bo funcionamento deste convenio marco, un acordo que non inclúe contraprestacións económicas e que estará vixente por un período de catro anos, renovables por acordo expreso das partes.  A comisión mixta será tamén o órgano competente para propoñer acordos ou liñas de traballo específicas, ademais de velar polo seu correcto desenvolvemento.

Superficie, produción e volume de negocio

O Craega pechou o exercicio 2020 cun volume de negocio que supera os 108 millóns de euros en volume de vendas certificadas, tal e como se recolle na última memoria do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, un documento que cifra en 32.055 as hectáreas de superficie dedicadas a produción ecolóxica na actualidade, o que implica un incremento do 126% ao longo da última década. Estes datos, unido aos que reflexan tamén o aumento do número de operadores ata 1.310 inscritos (un 10,83% máis que o ano anterior), constatan que “2020, a pesar da situación excepcional provocada pola pandemia causada pola COVID-19 foi un ano bo para a agricultura ecolóxica”, salientou López Valladares.

As provincias interiores de Lugo e Ourense acaparan o 82 % do total de superficie inscrita en agricultura ecolóxica: Lugo concentra máis da metade (52,6 %) da superficie, con 16.854 ha, e Ourense é a provincia que máis medra respecto do 2019, 773 ha (9.404 ha totais). A única provincia que reduce é Pontevedra, -4.047 ha e quédase en 2.096 hectáreas.

O sector galego ten dous polos territoriais no que a agricultura e produción ecolóxica se refire. A provincia de Lugo leva o peso da produción con 369 operadores e a de Pontevedra o da industria, con 122. Cabe incidir en que os elaboradores case se cuadriplicaron na última década e hoxe representan o 25,8 % dos inscritos. Nos produtores, un dos datos máis importante é que, con 158 operadores, as provincias atlánticas concentran a totalidade da actividade acuícola, representando o 16 % dos produtores primarios.

Respecto do volume de vendas, o último ano completo pechouse cun volume de negocio de 108.366.111 de euros e certificáronse 15,58 millóns de euros máis que o ano 2019, pese a pandemia. A produción animal leva o peso do Craega neste eido. Así, con 63,12 millóns de euros, supón o 58 % do volume de vendas certificadas. A Coruña destaca como a provincia que máis medra en facturación. Despediu 2020 cunha cifra de 27,2 millóns de euros, un 30 % máis que no exercicio anterior. Á marxe do leite, os ingresos do sector eco galego apóianse nas carnes (15,28 millóns de €), conservas de peixe (14,3 millóns de €) e nos ovos (7,8 millóns de €) como principais producións por volume. Ademais, esperta a produción vexetal, cun crecemento nos tubérculos, recolleita silvestre e na horticultura que tanto demanda o consumidor galego.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.07.2021.