Pasar al contenido principal

Acreditacións internacionais con dimensión laboral

De esquerda a dereita, Jacobo Limeres, Gonzalo Fernández, Antonio López, Tomás Cuesta e Montserrat Valcárcel, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo
De esquerda a dereita, Jacobo Limeres, Gonzalo Fernández, Antonio López, Tomás Cuesta e Montserrat Valcárcel, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo
O reitor da USC entrega á Facultade de Veterinaria e á EPS de Enxeñaría as certificacións da EAEVE e os selos de calidade EUR-ACE acadados polos graos en Veterinaria, Enxeñaría Civil e Forestal e o máster en Montes que permiten a persoas tituladas no Campus de Lugo da USC exercer como profesionais no plano internacional
Lugo

O reitor da USC, Antonio López, entregou ao decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández, e ao director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), Tomás Cuesta, a acreditación europea expedida pola European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) e os selos de calidade EUR-ACE acadados polos graos en Veterinaria, Enxeñaría Civil e Forestal, así como polo máster en Enxeñaría de Montes, no marco dun acto celebrado na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo e no que tamén participaron os vicerreitores Jacobo Limeres e Montserrat Valcárcel, responsables das áreas de Calidade e da sede universitaria luguesa, respectivamente.

A renovación da acreditación europea expedida pola European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) ao grao en Veterinaria que imparte a USC no Campus de Lugo, un certificado de calidade do que goza o centro universitario lugués desde 2008 permite aos seus titulados e tituladas o desenvolvemento da súa actividade profesional nos países europeos e mesmo no Reino Unido, ao tempo que lles outorga a posibilidade de formalizar a súa colexiación en entidades internacionais, segundo lembrou Gonzalo Fernández.

O decano da Facultade de Veterinaria da USC salientou asemade que a homologación europea de que goza o centro e que certifica os elevados estándares de calidade da formación que nel se imparte amplía as posibilidades de inserción laboral dos egresados e egresadas do centro lugués na esfera internacional. De feito, de non contar coa acreditación da EAEVE, na actualidade e por mor do Brexit, os titulados veterinarios egresados da USC non poderían desenvolver a súa actividade profesional no Reino Unido, onde está a traballar e a investigar un nutrido grupo de veterinarios formados en Lugo.

Unha situación semellante é a que afecta aos titulados e tituladas egresadas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, un centro universitario que na actualidade conta con cinco títulos distinguidos co selo de calidade internacional EUR-ACE, un diploma outorgado pola European Network for Acreditation of Engineering Education (Enaee).

Esta acreditación expedida pola Enaee e que con antelación xa acadaran o grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e o máster en Enxeñaría Agronómica constata e garante que estes cinco programas de estudos superiores (tres graos e dous posgraos) no ámbito das enxeñarías cumpren cos estándares de calidade e son acaídos para atender e dar resposta ás necesidades dos sectores profesionais determinadas pola European Network for Accreditation of Engineering Education. Deste xeito, a EPS de Enxeñaría de Lugo convértese no primeiro centro da USC e dos primeiros do Sistema Universitario Galego (SUG) que conta con esta certificación de calidade.

Os selos Eur-Ace, cuxo proceso de tramitación na EPSE comezou en 2017, responde a un procedemento externo de avaliación de calidade promovido polo Instituto de Enxeñaría de España e desenvolvido en coordinación cos procesos impulsados pola Axencia Nacional Española de Avaliación da Calidade (Aneca). Trátase pois dun distintivo de calidade internacional que afecta tanto ao centro universitario e ás titulacións acreditadas como ao propio alumnado titulado durante o período transcorrido desde a solicitude deste proceso de certificación de calidade ata o remate da súa vixencia, explicou Tomás Cuesta.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.07.2021.