Filosofía fai balance co embaixador de Xapón das actividades desenvolvidas arredor dos estudos xaponeses
O embaixador do Xapón, Kenji Hiramatsu, visitou estes días a USC onde ademais do encontro protocolario mantido co reitor Antonio López, visitou a Facultade de Filosofía para valorar e facer balance das múltiples actividades conxuntas desenvolvidas con este centro compostelán. O decano deste centro, Marcelino Agís Villaverde, deu conta na visita da constante presenza de alumnado de orixe xaponesa nas aulas de Filosofía de Santiago, así como de alumnado da USC que desenvolve estadías de longa duración en Xapón.
Ademais de convidar ao embaixador a participar o vindeiro mes de novembro no acto inaugural do III Simposio Internacional de Estudos Xaponeses, que se celebra con carácter bienal na Facultade de Filosofía, o decano destacou a recente incorporación no rexistro de directores da USC do catedrático de Filosofía e Historia das Relixións Yoshitsugu Sawai, especialista de sona internacional que vén de participar no I Congreso Mundial da Academia Xacobea e que co dirixe actualmente unha tese do programa de doutoramento en Filosofía.
Na xuntanza tamén se deu conta de diversas actividades de índole cultural que vai promover a Facultade nos vindeiros meses e ás que a Embaixada foi convidada a sumarse. O decano valorou moi positivamente a visita polo apoio e estímulo que significa para as actividades académicas e de investigación no eido dos estudos orientais que se desenvolven no centro.