Veterinaria e Protectora de Lugo amplían liñas de colaboración
O alumnado da última promoción de titulados da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC e provedores do centro universitario doan máis de 1.000 euros á Protectora de Lugo nun xesto que pon de manifesto a estreita colaboración existente entre as dúas entidades.
O decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández, acompañado de Adrián Gonzalo Pinedo, en calidade de representante do alumnado da promoción 2016-2021, formalizaron este martes a entrega dun cheque por importe de 700 euros ao presidente da Protectora de Lugo, Juan Alberto Losada, no marco dun acto no que tamén estiveron presentes Elena Guinarte e Pablo Díaz, como directivos da sociedade luguesa.
Alén da contía económica recadada polo alumnado a prol da Protectora de Lugo, á que destinaron os fondos inicialmente recadados para o agasallo ao padriño da promoción, o acto de entrega deste donativo serviu para facer visible a cooperación que de sempre existe entre a Protectora e o centro universitario lugués.
“Todos os anos temos estudantes que realizan prácticas nas instalacións da Protectora de Lugo”, salientou Gonzalo Fernández, ao tempo que lembrou que a sociedade luguesa tamén remite ao centro diversas mostras para a súa análise e que constitúen material útil para a investigación.
Agradecidos por esta nova mostra de xenerosidade do alumnado e da dirección do centro universitario, os responsables da Protectora de Lugo expresaron a súa vontade de artellar novas vías de colaboración coa Facultade de Veterinaria de Lugo a través de actuacións ou programas que redunden en beneficio das dúas entidades e tamén do propio alumnado.