Pasar al contenido principal

Novo espectáculo climático do proxecto ‘Descarboniza!’ coas Fillas Bravas de Chévere

Miguel Pardellas, en primeiro plano, e o concelleiro Xan Duro. Foto: Concello de Santiago
Miguel Pardellas, en primeiro plano, e o concelleiro Xan Duro. Foto: Concello de Santiago

Por terceiro ano consecutivo, o proxecto ‘Descarboniza! Que non é pouco...’ posto en marcha polo Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da USC en colaboración co Concello de Santiago organiza o 10 de abril un novo evento climático que nesta ocasión estará protagonizado polas Fillas Bravas, personaxes creados pola compañía teatral Chévere.

Como explicou o profesor Miguel Pardellas na presentación do evento, ‘Descarboniza!’ busca organizar e acompañar grupos de persoas “que estean dispostas a “descarbonizar” os seus estilos de vida, reducindo así as súas emisións de gases de efecto invernadoiro”. No presente curso o proxecto desenvólvese nos centros cívicos da Rocha, Vite, Sar, Bornais, Santa Marta, Lavacolla e Busto, chegando directamente a máis dun cento de persoas, a meirande parte delas mulleres maiores. Ademais, e grazas ao financiamento da Fundación Biodiversidade, o proxecto está tamén a desenvolverse este ano no Concello de Donostia.

A participación das Fillas Bravas -“ tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta porque son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira- en ‘Descarboniza…’ débese a seren sustentadoras dunha memoria de baixa enerxía, dun pasado cheo de dificultades mais tamén de coñecementos tradicionais que poden ser moi útiles para enfrontar os retos presentes e futuros do cambio climático.

O evento, que contará tamén coa participación do poeta e contacontos Celso F. Sanmartín, terá lugar ás 20.00 horas no Teatro Principal. A entrada será de balde, previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal a partir do 2 de abril (en horario de martes a sábado de 18 a 21 horas).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.03.2019.