Pasar al contenido principal

O Campus Terra da USC amosa a súa oferta académica e de servizos a estudantes de ensino medio de Lugo e A Coruña

Acto de benvida a participantes na primeira xornada dos Encontros no campus de Lugo
Acto de benvida a participantes na primeira xornada dos Encontros no campus de Lugo
Máis de 250 alumnos de secundaria de sete centros de ensino visitan a sede universitaria luguesa a través do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’

Máis de 250 estudantes de ensino medio procedentes de seis centros educativos da provincia de Lugo (Ies Pedregal de Irimia, de Meira; Ies CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla; CPR Franciscanos, de Lugo; IES María Sarmiento, de Viveiro; CPR San José, de Lugo) e doutro da provincia da Coruña (CPI Dos Dices, de Rois) visitaron este xoves os distintos centros universitarios de Campus Terra da USC, a través do programa Encontros no Campus de Lugo, unha xornada orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos na sede universitaria luguesa a estudantes preuniversitarios, organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o coordinador do programa ‘A Ponte’ na sede universitaria luguesa, Francisco Javier López, foron os encargados de dar a benvida ao estudantado preuniversitario nun acto desenvolvido no salón de actos ‘José Rodríguez Mourelo’ da Facultade de Ciencias, onde Bueno e López, fixeron unha presentación xenérica da sede universitaria luguesa, antes de que varios estudantes universitarios ofreceran aos asistentes a súas particulares visións do Campus Terra e relataran algunhas das experiencias vividas no seu periplo como estudantes da USC.

Bueno destacou na súa intervención as múltiples oportunidades e as vantaxes que ofrece ao estudantado o Campus Terra da USC, “un campus excelente”, segundo o acreditan diversos estudos de organismos externos, e a cuarta sede universitaria galega cunha maior taxa de alumnado internacional (16%), o que constitúe unha “convivencia enriquecedora”. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo destacou tamén o selo de calidade que implican os títulos universitarios expedidos pola USC, “unha das universidades con máis prestixio institucional e que sempre persigue a excelencia”.

Unha vez rematada esta sesión, os estudantes, distribuídos en grupos en función das súas preferencias formativas e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completaron itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros.

O obxectivo desta xornada, a primeira das tres previstas no marco dos Encontros no campus de Lugo, segundo explicou Francisco Javier López, é o de dar a coñecer ao alumnado preuniversitario a oferta académica e de servizos que presenta a USC en Lugo, “un campus moderno, pero aínda moi pouco coñecido”, dixo.

O coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo adiantou asemade que a sede universitaria luguesa celebrará o 23 marzo e o 24 de abril outras xornada de achegamento ao estudantado preuniversitario nas que se agarda a participación de máis de 800 alumnos/as de ensino medio.

López e Bueno dan a benvida a estudantes preuniversitarios na Facultade de Ciencias

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.02.2018.