Pasar al contenido principal
  • Investigar

A formación e a sensibilización contra os lumes forestais cita a universitarios europeos nun curso de ‘FacingFIRE’

Superficie forestal asolada polas lapas.  Foto: Santi Alvite
Superficie forestal asolada polas lapas. Foto: Santi Alvite
A USC convoca sete prazas para que alumnado de últimos cursos de grao ou mestrado participen nun curso internacional que se desenvolverá do 26 de setembro ao 2 de outubro na Universidade de Abeiro. O prazo de inscrición está aberto ata as 14.00 horas do 24 de agosto no enderezo electrónico Project.facing.fire@usc.gal
Lugo, Santiago de Compostela

A capacitación e a sensibilización e o compromiso social contra os lumes forestais cita a estudantes universitarios e titulados europeos a finais de setembro na Universidade de Abeiro no marco dun seminario práctico organizado ao abeiro do proxecto ‘FacingFIRE’, unha iniciativa europea con enfoque global liderada pola USC baixo a coordinación do catedrático na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Agustín Merino.

O curso ‘Deseño de proxectos aprendizaxe-servizo relacionados cos incendios foretais’, programado ao abeiro deste programa Erasmus+KA2 dotado cun financiamento de 200.000 euros para achegar novas solucións á complexa problemática que deparan os incendios forestais no vello continente, desenvolverase do 26 de setembro ao 2 de outubro. As persoas interesadas en tomar parte neste curso internacional, para o que a USC convoca 7 prazas para alumnado matriculado en últimos cursos de grao ou de mestrado, poderán formalizar a súa solicitude ata as 14.00 horas do 24 de agosto, a través do enderezo de correo electrónico project.facing.fire [at] usc.es (project[dot]facing[dot]fire[at]usc[dot]es). As persoas solicitantes deberán demostrar nivel de coñecemento de inglés, xa que o curso de desenvolverá integramente nesta lingua.

A convocatoria das bases publicadas pola USC que rexerán a selección de candidaturas para completar esta estadía internacional en Abeiro vai dirixida a estudantes de diferentes  centros da USC, tales como o son a Escola Politécnica Superior de Enxeñería e as facultades de Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Formación do Profesorado, Administración e Dirección de Empresas, Económicas e Empresariais, e Ciencias da Educación.

Criterios de selección

A comisión avaliadora encargada de seleccionar as candidaturas valorará o expediente académico e o currículo das persoas solicitantes, así como o certificado acreditativo do coñecemento de inglés. A carta de interese achegada polas persoas interesadas e unha entrevista persoal completan os criterios que rexerán o baremo do proceso de selección para gozar desta estadía internacional, na que o alumnado da USC compartirá vivencias, proxectos e aprendizaxes con universitarios de Grecia, Italia e Portugal. A publicación dos resultados da selección de persoas candidatas poderá consultarse na páxina web do proxecto FacingFIRE, na que ademais de indicar a lista ordenada de admisións, tamén se publicará unha lista de candidaturas en agarda.

O programa FacingFIRE, impulsado principalmente polo grupos de investigación Uxafores, da EPSE, e Esculca, da Facultade de Ciencias de Educación, conta tamén coa implicación doutros docentes e investigadores das facultades de Formación do Profesorado, Ciencias da Comunicación, Bioloxía e mesmo da ETSE. De feito, ademais de alumnado, tamén participarán nestes seminario internacional varios profesores da USC, entre os que se atopan Marisa Chas (Economía e Empresa), Ciencias da Comunicación (Enrique Castelló), Bioloxía (Otilia Reyes), Formación do Profesorado (Uxío Otero Urtaza), Ciencias da Educación (Mar Lorenzo) e Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (Agustín Merino).

O alumnado que complete este curso sobre participación cidadá en incendios forestais poderá solicitar o recoñecemento de ata 4 créditos ECTS. O programa cubre ademais os gastos relacionados coa viaxe e manutención. As persoas interesadas tamén poden solicitar máis información nesta ligazón ou nos enderezos project.facing.fire [at] usc.gal (project[dot]facing[dot]fire[at]usc[dot]gal), jacobo.feas [at] usc.gal (jacobo[dot]feas[at]usc[dot]gal), otilia.reyes [at] usc.gal (otilia[dot]reyes[at]usc[dot]gal), marisa.chas [at] usc.gal (marisa[dot]chas[at]usc[dot]gal)otero.urtaza [at] usc.gal (otero[dot]urtaza[at]usc[dot]gal), mdelmar.lorenzo [at] usc.gal (mdelmar[dot]lorenzo[at]usc[dot]gal), enrique.castello [at] usc.gal (enrique[dot]castello[at]usc[dot]gal) ou agustin.merino [at] usc.gal (agustin[dot]merino[at]usc[dot]gal).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.07.2021.