Acto protocolario de toma de posesión do profesor Ramón Bouzas Lorenzo como decano de Ciencias Políticas e Sociais
O reitor Juan Viaño presidirá este xoves 22 o acto de toma de posición do profesor Ramón Ángel Bouzas Lorenzo como decano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais nunha sesión protocolaria ás 14.00 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome.
Ramón Ángel Bouzas Lorenzo (Boiro,1967) é profesor titular do Departamento de Ciencias Política e Socioloxía e colabora co Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) e nos programas de capacitación en xestión pública de Cooperación Española. Foi Visiting Scholar na Goldman School of Public Policy da University of California–Berkeley, un dos centros máis prestixiosos na investigación e asesoría en políticas públicas de Estados Unidos. Anteriormente foi tamén investigador visitante na Università degli Studi di Bologna (Italia) e no Interdisciplinary Institute of Management da London School of Economics and Political Science.
Entre 1994 e a actualidade participou ininterrompidamente en proxectos de investigación sobre desenvolvemento institucional, modernización da xestión pública e redeseño de políticas públicas. A súa docencia e investigación céntranse nos campos da análise das organizacións públicas, e-goberno, recursos humanos, marketing de servizos públicos e políticas de igualdade de xénero. Na actualidade é o investigador principal do proxecto ‘Brecha Digital e Inhibidores en la Implementación del E-Gobierno; Especial Impacto en el Ámbito de la Salud’ (CSO2014-53014-R), financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade.