Aberto o prazo para presentar traballos ao IV seminario internacional de Resclima sobre educación para o cambio climático

Para eludir os peores escenarios que prognostica a ciencia sobre o cambio climático faise preciso tomar decisións profundas nas nosas sociedades. Urxe tomar conciencia da vulnerabilidade humana diante desta ameaza, e unha das maneiras de conseguilo é a través dos programas educativos e de comunicación na próxima década.
Precisamente para isto naceron o Proxecto Resclima e a REAJA (Rede Internacional de Pesquisadores em Educação Ambiental e Justiça Climática) , que a finais de ano en Santiago celebran un encontro que profundará no papel dos sistemas educativos, outorgando atención preferente á inclusión do cambio climático no currículo e na praxe educativa da educación secundaria.
Os convocantes consideran que nese nivel educativo se ten a primeira oportunidade de conectar formalmente coas ciencias do clima, coa madurez necesaria para aprehender na súa complexidade os retos do cambio climático e os cambios necesarios para transitar cara un mundo sostible e xusto.
Ata o 15 de marzo está aberta a inscrición para participar con póster ou comunicación no IV Seminario Internacional Resclima: A Educación para o Cambio Climático no Sistema Educativo e 2º Encontro da Rede Internacional de Pesquisadores em Educação Ambiental e Justiça Climática (REAJA) que terá lugar en Compostela os días 26 e 27 de outubro
Organizado polo Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da USC e pola REAJA, na organización colaboran a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago de Compostela e a Asociação Portuguesa de Educação Ambiental (ASPEA).