Pasar al contenido principal

O reitor impúxolle a Insignia de Ouro da USC ao profesor Luís M. Hervella Torrón

O reitor impúxolle a Insignia nun acto celebrado en San Xerome. Foto:Servimav-USC
O reitor impúxolle a Insignia nun acto celebrado en San Xerome. Foto:Servimav-USC

Ateigado de compañeiros e compañeiras da comunidade universitaria e de numerosas amizades e familiares, o Salón de Graos do Colexio de San Xerome quedouse este xoves pequeno a imposición da Insignia de Ouro ao profesor Luís M. Hervella Torrón de mans do reitor Juan Viaño. O acto é o recoñecemento da súa “capacidade, esforzo e dedicación á nosa universidade” como “profesor, compañeiro e actual delegado do reitor para o ensino medio”. A Insignia imposta é “símbolo imprescindible e merecido para materializar tanto o compromiso universitario do profesor Hervella como o noso fondo agradecemento”.

Luis M. Hervella Torrón é catedrático de Xeometría e Topoloxía e delegado do reitor para o ensino medio, así como coordinador do programa A Ponte da USC. Ao longo dos máis de 40 anos de traxectoria universitario ocupou diferentes postos de responsabilidade tanto na Facultade de Matemáticas, como secretario do centro ou director de Departamento, como no plano institucional como director do Colexio Maior San Clemente, director da Área de Estudantes e presidente do tribunal único das probas de acceso á Universidade, coordinador do Centro de Orientación e Información Estudantil e do programa A Ponte ou como representantante da USC na Ciug, entre outros postos.

Sobre o programa A Ponte, o reitor cualificouno como “un programa ambicioso e fundamental da nosa Universidade que, grazas ao esforzo do Persoal Docente e Investigador e de Administración e Servizos achega a USC ao ensino medio co propósito de dar a coñecer a futuros estudantes o que somos e o que facemos”. Sobre a xestión do profesor Luis M. Hervella á súa fronte, o reitor afirmou que “debemos recoñecerlle que construíu esta Ponte que temos e mantívoa e mellorouna cos anos”. O programa é hoxe “unha ponte que Luís fortaleceu, mantivo e coidou en todo este tempo”.

Nunha atmosfera de marcada emotividade, a decana da Facultade de Matemáticas Elena Vázquez Cendón aludiu á figura do homenaxeado como unha “voz indiscutible” no conxunto da comunidade universitaria, pola súa dimensión docente, investigadora e na xestión, destacando o seu compromiso coa institución compostelá. Viaño pechou o acto “pregándolle encarecidamente que, en diante, sinta a insignia que teño a honra de impoñerlle máis alá do recoñecemento que lle debemos e que hoxe lle tributamos: prégolle que recoñeza esta enxeña como símbolo do seu vínculo con esta Alma Mater Studiorum, á que tanto deu que tanto lle deu, e na que tanto precisamos que siga a contribuír”.

No centro, Luis Hervella xunto a integrantes do equipo de goberno da USC e da decana Elena Vázquez Cendón. Foto:Servimav-USC Ao acto acudiu unha numerosa representación da comunidade universitarias, así como amizades e familiares. Foto:Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.02.2018.