Pasar al contenido principal

A enxeñeira de Montes do Campus Terra Cristina Eimil Fraga, Premio Sociedade Española de Ciencias do Solo á mellor tese de doutoramento

Cristina Eimil Fraga
Cristina Eimil Fraga
A investigación realizada na EPSE por Eimil Fraga e dirixida por Esperanza Álvarez, Roque Rodríguez e Federico Sánchez, afonda no estudo nutricional dos solos forestais

A doutora enxeñeira de Montes vilalbesa formada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC Cristina Eimil Fraga, vén de ser distinguida co premio da Sociedade Española de Ciencias do Solo (SECS) co premio á mellor tese de doutoramento sobre esta especialidade na convocatoria de 2017, na que,logo de analizar as nove candidaturas presentadas, o xurado encargado de fallar este galardón acordou distinguir a investigación e doutoramento desenvolvida por Eimil Fraga baixo a co dirección de Esperanza Álvarez, Roque Rodríguez Soalleiro e Federico Sánchez, e que leva por título ‘Analysis of edaphic and ecophysiological parameters in relation to nutrient levels and growth of Pinus pinaster in acidic soils’.

A tese de doutoramento presentada na USC por Cristina Eimil Fraga constitúe unha achega relevante ao estudo de solos forestais e a súa influencia sobre o estado nutricional e produtividade de bosques de Pinus pinaster, unha das especies forestais de maior relevancia produtiva e ecolóxica no noroeste de España. De feito, a súa investigación pretende mellorar o entendemento da relación entre parámetros ecofisiolóxicos e edáficos que determinan o crecemento desta especie e a súa dispoñibilidade para adaptarse a distintos ambientes. O traballo achega criterios e modelos de predición que melloran a toma de decisións e a optimización de sistemas de xestión forestal en solos acedos, o que contribúe á adecuada ordenación do territorio.

O estudo realizouse sobre 128 parcelas forestais, distribuídas por toda a xeografía galega, establecidas sobre solos desenvolvidos sobre unha elevada variabilidade litolóxica. Isto permitiu avaliar o efecto do material orixinal sobre as características edáficas, determinar as deficiencias nutricionais e elaborar modelos de predición do índice de sitio, unha medida da produtividade forestal. Pinus pinaster vese mellor adaptado a solos desenvolvidos sobre gneis, migmatitas e granitos caracterizados por ser moderadamente profundos e achegar niveis máis elevados de K foliar. As zonas con esta litoloxía son as máis acaídas para a promoción de novas plantacións e a xestión sustentable das masas existentes.

Eimil Fraga estuda tamén na súa tese a influencia dos nutrientes sobre a produtividade, a lonxevidade, a biomasa e a área foliar das follas dos piñeiros, en árbores de idades similares establecidos ao longo dun gradiente de fertilidade do solo. Os resultados mostraron a importancia dos nutrientes sobre a vida útil das follas dos piñeiros e a variabilidade da biomasa e índice de área foliar, o que é moi útil para a elaboración de modelos de crecemento.

A tese achega información innovadora no estudo sobre a biogeoquímica do A1, con especial atención ao estudo do fraccionamento do aluminio na fase sólida do solo e o fraccionamento e especiación de aluminio na disolución do solo. Ademais avaliouse o risco de toxicidade da A1 nestes chans desenvolvidos sobre diferentes materiais xeolóxicos, usando varios índices de toxicidade.

O traballo e os resultados da investigación compilada por Eimil Fraga na súa tese de doutoramento está publicado en cinco artigos de investigación, dos que a doutora Eimil-Fraga é primeira autora, en revistas cun elevado factor de impacto, situadas no primeiro cuartil das áreas de Soil Science e Foresty do SCI, (Geoderma, Land Degradation and Development, Forest Ecology and Management, Trees).

Entrega e contía do premio

A vilalbesa Cristina Eimil Fraga, que na actualidade forma parte do grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sustentable da USC e traballa como investigadora do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Lugo no proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, recollerá o premio da Sociedade Española de Ciencias do Solo á mellor tese de doutoramento no marco da asamblea xeral que a referida sociedade científica celebrará o vindeiro 23 de febreiro en Madrid.

O galardón outorgado pola SECS, un premio que inclúe diploma acreditativo e unha dotación económica en metálico de 2.000 euros para a autora da tese e unha gratificación de 600 euros para os codirectores da mesma, constitúe un novo recoñecemento da valía científica xa acreditada por Cristina Eimil Fraga, quen xa recibiu en 2011 o Premio de Promoción de Mozos Investigadores para menores de 28 anos concedido pola Real Academia Galega de Ciencias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.01.2018.