Pasar al contenido principal

O proxecto Nutriage buscará solucións avanzadas en materia de envellecemento saudable a través da nutrición

O reitor, no centro, presidiu o acto co que bota a andar o proxecto Nutriage. Foto. Servimav-USC
O reitor, no centro, presidiu o acto co que bota a andar o proxecto Nutriage. Foto. Servimav-USC
É unha iniciativa con financiamento europeo que botou a andar este martes na USC e que se desenvolve no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Nutriage é un proxecto internacional financiado polo Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) que busca solucións avanzadas para un envellecemento saudable a través da nutrición no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O traballo a desenvolver realizarase a través dunha Rede Transfronteiriza Multidisciplinar e Intersectorial composta por investigadores de distintas disciplinas, nutricionistas, persoal clínico, servizos asistenciais, administración, asociación empresarias ou empresas do sector agroalimentario, entre outros. No seu desenvolvemento participan ademais da USC, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, a Universidade Católica Portuguesa, a Asociación Clúster Alimentario de Galicia, a Associaçao Integralar, Anfaco-Cecopesca, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, a Fundación Ramón Domínguez e a Santa Casa da Misericordia do Porto.

O reitor Juan Viaño e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presidiron este martes 30 no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, a xornada coa que bota a andar Nutriage, Na mesa presidencial tamén participaron o profesor Melchor Fernández, a profesora da Universidade Católica de Porto Elisabete Pinto e o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Francisco Durán. Como afirmou durante o acto inaugural da xornada o reitor compostelán, a USC non pode ser allea ás novas esixencias sociais e “leva anos promovendo proxectos integradores e multidisciplinares que sitúan as melloras na calidade de vida e o incremento do benestar de toda a sociedade como o seu principal obxectivo”. Así, engadiu, actuando “na investigación clínica, na mellora da produción e calidade dos alimentos, no estudos dos parámetros de seguridade alimentaria ou nos aspectos nutricionais, o persoal investigado ten realizado importantes achegas na relación entre nutrición, alimentación e saúde”.

Ante a posta en marcha de Nutriage, Juan Viaño considera que “a USC está preparada para aliñar e integrar estas capacidades e obxectivos, asociando a investigación social interdisciplinar coa investigación clínica ou a tecnolóxica, atopando unha linguaxe científica común entre distintas disciplinas que abordan o envellecemento saudable a través da nutrición”. Na súa opinión, “soamente así se poden liderar proxectos desta ambición en unión con outros centros de investigación de excelencia, da administración pública, dos prestadores de servizos sociais e das empresas, propiciando as respostas que a sociedade demanda”. Viaño tamén agradeceu nomeadamente a “aposta decidida e valente” da administración autonómica no desenvolvemento de Nutriage así como o compromiso da industria galega e portuguesa a prol dunha alimentación saudable.

O coordinador científico do proxecto por parte da USC, o profesor Melchor Fernández abriu a quenda de intervencións na mesa de presentación de Nutriage, con especial atención ás motivacións e accións do proxecto. Xunto a el, interviñeron unha representación de cada unha das entidades e institucións participantes en calidade de socios.

Deseguido desenvolveuse unha mesa co lema ‘Valor engadido de Nutriage: perspectiva do sistema asistencial, investigador e empresarial’, na que tomaron a palabra a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez; o director do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónica da USC (CiMUS), Carlos Diéguez; e unha representación da Santa Casa da Misericordia do Porto e do Clúster Alimentario de Galicia. Para completar a axenda da xornada expuxéronse outras experiencias de promoción do avellentamento activo en Europa. Así interviñeron Elisio Costa, da Universidade do Porto, para detallar as particularidades do Porto4Ageing como modelo de innovación de traballo en rede, e persoal da Axencia do Coñecemento en Saúde para falar da participación de Galicia en EIP Healthy Ageing.

Nutriage
O obxectivo de Nutriage é asegurar un avellentamento saudable a través da avaliación, estudo e deseño de estratexias nutricionais personalizadas tomando como referencia a alimentación tradicional atlántica e o desenvolvemento de novos produtos alimenticios que optimicen o estado nutricional das persoas maiores ao tempo que previr o seu declive funcional e cognitivo.

Outras das finalidades desta iniciativa internacional é xerar capacidades en I+D+i que favorezan a mellora da calidade de vida das persoas de máis idade a partir da nutrición, co conseguinte impacto no reforzo da sustentabilidade e eficiencia do sistema sociosanitario, e incentiven o crecemento e xeración de novas oportunidades de negocio para a industria agroalimentaria.

A xornada de lanzamento celebrouse na Paraninfo da Universidade. Foto. Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.01.2018.