Pasar al contenido principal

O uso de drons e satélites na agricultura e gandaría, a debate no Campus Terra da USC

O uso de drons e satélites na agricultura e gandaría, a debate no Campus Terra da USC
O uso de drons e satélites na agricultura e gandaría, a debate no Campus Terra da USC
O III Simposio Nacional e I Ibérico de Enxeñaría Hortícola celebrarase na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo do 21 ao 23 de febreiro

O Campus Terra da USC acollerá os próximos 21,22 e 23 de febreiro o III Simposio Nacional e I Ibérico de Enxeñaría Hortícola, dedicado nesta edición ao uso de drons e satélites en agricultura e organizado polo Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, en colaboración coa Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH).

O evento acubillará na EPSE distintos relatorios nos que especialistas na materia, abordarán os aspectos innovadores do uso destas ferramentas, tanto na agricultura, como na gandaría. Na primeira das xornadas, realizarase unha presentación dos avances levados a cabo polo ‘Polo de Innovación Dixital no Sector Agroalimentario’, por parte do xestor de Innovación e Transferencia do Campus Terra, José Roberto Lamas Pérez, e Marcos Pérez, en representación do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). Os relatorios “Futuro da agricultura de precisión”, a cargo de Ricardo Braga do ISA-Lisboa; “O Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) como Organismo Público de Investigación”, de Bartolomé Marqués Balaguer, subdirector de Sistemas Aeronaúticos do INTA; e “As ICTS e o CIAR”, a cargo das técnicas do proxecto Ciar, Ana Corrales e Neves Seoane, completarán as intervencións desta primeira xornada que se culminará cunha recepción no Concello de Lugo.

Na segunda xornada, celebraranse varios obradoiros técnicos, impartidos por persoal especializado de empresas privadas e investigadores que facilitarán o achegamento dos asistentes aos produtos que actualmente se atopan no mercado noutras zonas fóra de Galicia. Ademais os relatorios “Aplicacións de drons e satélites na xestión de cultivos en clima árido”, a cargo de Diego Intrigliolo (CEBAS-CSIC); e “Avances en gandería de precisión e smart farming: o futuro faise presente” de Jesús Pomar da Universidade de Lleida completarán a quenda de mañá. Xa pola tarde, María Jesús Gutiérrez de la Cámara, abordará a teledetección no INTA, onde dirixe o Departamento de Observación da Terra e a Atmosfera; e Jean Charles Samalens de Telespazio analizará os avances máis recentes dos satélites na agricultura de precisión. Ademais, celebrarase tamén en quenda de tarde, unha mesa redonda, liderada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) en relación co futuro dos drons e satélites na agricultura', na que se persegue por sobre a mesa os criterios para un uso futuro destas ferramentas.

Como peche do simposio, na derradeira xornada realizarase unha visita técnica as instalacións da Granxa de Recría Gayoso Castro, xestionada pola Deputación Provincial de Lugo, e situada no concello de Castro de Rei; así como ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial-INTA.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.01.2018.