Dereito conmemorou a festividade do seu patrón San Raimundo de Peñafort

A Facultade de Dereito conmemorou este venres 26 a festividade do seu patrón San Raimundo de Peñafort cun acto académico presidido polo reitor Juan Viaño e no que a vicepresidenta do Tribunal Constitucional e catedrática de Dereito Civil, Encarnación Roca Trías, pronunciou a lección maxistral. Na mesa presidencial estiveron presentes ademais o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas Sobreira; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes Pérez; e o decano da Facultade, Gumersindo Guinarte Cabada.
Logo da presentación da memoria de actividades do centro durante o pasado curso, Encarnación Roca Trías pronunciou a lección maxistral da xornada dedicada ao tema ‘Constitución aberta: a protección dos dereitos das persoas con discapacidade’. A intervención presentou unha reflexión sobre as circunstancias coas que as persoas con discapacidade se integran na sociedade e como esta debe abordar a defensa e protección dos seus dereitos.
O programa continuou coa imposición da insignia da Facultade a Carlos Casado Martíns e a José Luis Quintela Botana, membros do cadro de Persoal de Administración e Servizos da Facultade, e ao profesor Francisco Sangiao Otero con motivo dos seus 25 anos de servizos neste centro. Deseguido o alumnado que rematou os seus estudos no curso 16/17 recibirán un diploma conmemorativo así como o alumnado que acadou o Premio Extraordinario de Grao e Máster. As intervencións do decano da Facultade, Gumersindo Guinarte, e do reitor Juan Viaño clausuraron a xornada.
O reitor agradeceu ao equipo decanal e a todos os membros da comisión redactora implicada no desenvolvemento do grao en Criminoloxía o esforzo realizado e que tivo como resultado a implantación desta titulación na oferta docente da USC para o vindeiro curso 2018-2019. A transformación en grao deste título virá reforzar o liderado que a Facultade exerce nos estudos xurídicos en Galicia, afirmou Viaño. Un liderado que “se manifesta a través dunha formación de excelencia, cun grao en Dereito formulado coa amplitude que nos permite contar con excelentes profesionais do Dereito Público e do Dereito Privado en todas as súas vertentes”.
O reitor tamén resaltou a vertente investigadora neste ámbito de coñecemento, “outro grande alicerce da actividade do centro e do seu persoal”. Na súa opinión o “pulo que a investigación en Dereito está a adquirir contribuirá ao desenvolvemento e consolidación do Campus da Cidadanía”. Neste marco “é onde a investigación en Dereito debe reforzar a súa entidade e identidade, adaptando estruturas e dinámicas que permitan unha maior e mellor interconexión con outras disciplinas”, sinalou o reitor compostelán.
A investigación realizada en Dereito “vén de amosar avances importantes ao superar as fronteiras de disciplinas pechadas para poñerse ao servizo dun coñecemento integrado de especialidade”. Este novo enfoque, proseguiu Juan Viaño, “dará grandes froitos no futuro” e “xa está a amosar a súa efectividade co éxito acadado nas convocatorias do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e da Xunta de Galicia”. O reitor tamén subliñou o recoñecemento de grupos de potencial crecemento ou a creación de redes de investigación incluíndo diferentes ramas do Dereito como “avances cualitativos que están a superar as fronteiras derivadas dunha disciplina concreta para poñerse ao servizo dun coñecemento integrado das especialidades”.
A sesión celebrouse na propia Facultade. Foto: Servimav-USC