Pasar al contenido principal

A USC avoga pola máxima presencialidade posible no inicio do curso 2021-2022

Imaxe de arquivo dunha aula na Facultade de Filoloxía da USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha aula na Facultade de Filoloxía da USC. FOTO: Santi Alvite
“De cara ao curso que estamos a piques de comezar, pídovos a mesma exemplaridade no exercicio da responsabilidade individual para que manteñamos a USC como modelo de bo facer fronte á COVID-19”, explicou o reitor Antonio López nun correo electrónico enviado ao conxunto da comunidade universitaria
Lugo, Santiago de Compostela

Acadar a máxima presencialidade atendendo ás indicacións das autoridades sanitarias é a base sobre a que se asenta a Resolución Reitoral publicada este mércores na que se dispoñen as medidas fronte á COVID-19 para o inicio do curso 2021-2022 na USC. O texto que actualiza, recompila e harmoniza as medidas para o curso que está a piques de comezar, establece que nos niveis de risco medio-baixo e medio, de conformidade coas disposicións das autoridades sanitarias, con carácter xeral a distancia de seguridade interpersoal nas aulas será de 1,2 metros.

Asemade, o texto matiza que no caso de bancadas fixas enténdese cumprida esa distancia deixando un posto intermedio baleiro, sempre que as características das instalacións e da ventilación o posibiliten. Non obstante, poderá manterse a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros se a redución non supón un incremento substancial da presencialidade dos grupos nas aulas ou implica unha alteración que prexudique a organización académica aprobada para o curso 2021/2022. Nos niveis de risco alto e máximo, de conformidade coas disposicións das autoridades sanitarias, a distancia de seguridade interpersoal nas aulas será de 1,5 metros.

Exemplo de bo facer

“O exemplar cumprimento das normas e protocolos establecidos por todos e cada un dos membros da comunidade universitaria permitiunos desenvolver, no curso pasado, as diferentes actividades coa maior normalidade posible no marco do contexto excepcional que vivimos por mor da pandemia”, explicou o reitor Antonio López. “De cara ao curso que estamos a piques de comezar, pídovos a mesma exemplaridade no exercicio da responsabilidade individual para que manteñamos a USC como modelo de bo facer fronte á COVID-19”, engadiu nun correo electrónico enviado ao conxunto da comunidade universitaria.

Axudas ao estudantado

Outros dos contidos da Resolución Reitoral apuntan cara ao mantemento das prácticas relativas ás medidas que atinxen á seguridade sanitaria. Así, a distribución de material (máscaras, xel, ou sinalética, entre outros) e a intensidade da posta en práctica da ventilación nas aulas e outros espazos continuarán a realizarse nos termos nos que funcionaron ata o momento. Ademais, elimínanse as limitacións de mobilidade nos centros e rexistros de estudantes nas aulas; e daráselle continuidade ás liñas de axudas ao estudantado para bonos de comedor, axudas para o desenvolvemento da docencia virtual e préstamo de material informático. Finalmente, manterase activo o Programa de Voluntariado COVID da USC e actualízanse, neste mesmo sentido, os protocolos das bibliotecas. 

Unidade de Atención Psicolóxica

A USC manterá tamén activa a Unidade de Atención Psicolóxica para prestar axuda ao estudantado que a precise. Esta nova dotación asistencial, que se encadra no marco de actuacións dirixidas a paliar os efectos da pandemia producida pola COVID-19, está coordinada pola profesora do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía Ana López Durán. Este servizo gratuíto de atención psicolóxica ao alumnado da USC permite canalizar as consultas a través do enderezo de correo electrónico atencionpsicoloxica [at] usc.gal (atencionpsicoloxica[at]usc[dot]gal). As demandas trasladadas polo alumnado a este servizo son atendidas por dúas psicólogas xerais sanitarias.

O comité COVID da USC reuniuse este martes no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
O comité COVID da USC reuniuse este martes no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.09.2021.