Pasar al contenido principal

O Campus Terra da USC acolle este xoves un acto de benvida ao alumnado internacional chegado no segundo cuadrimestre

O Campus Terra da USC acolle este xoves un acto de benvida ao  alumnado internacional chegado no segundo cuadrimestre
O Campus Terra da USC acolle este xoves un acto de benvida ao alumnado internacional chegado no segundo cuadrimestre
Esta edición do ‘Welcome Day’ citará uns 40 estudantes de oito nacionalidades diferentes a partir das 17.00 horas no auditorio da Casa do Saber de Lugo

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, presidirá este xoves na Casa do Saber, a partir das 17.00 horas, o acto de benvida ‘Welcome Day’ ao alumnado internacional que acaba de chegar aos distintos centros universitarios do Campus Terra da USC neste segundo cuadrimestre.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo acompañarán a Bueno nesta nova edición do Welcome Day, na que participarán uns corenta alumnos e alumnas procedentes de Arxelia, México, Brasil, Tunisia, India, Colombia, Suíza e Italia. No trasncurso do acto tamén intervirán Bárbara Rovira, en representación do Servizo de Relacións Exteriores (SRE) da USC no Campus Terra; e Manuel Fernández do Centro de Linguas Modernas. Ao finalizar a quenda de intervencións, o alumnado realizará distintas dinámicas de grupo coa responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC no Campus Terra, Fátima Teixeiro. De seguido, o alumnado internacional participarán en cadansúa visita ao consistorio lugués e ao Pazo de San Marcos, sede da Deputación Provincial de Lugo.

A esta nova edición do Welcome Day, hai que sumar as diferentes charlas informativas que membros do SRE impartirán no campus para dar conta dos beneficios de completar os estudos noutro país, así como das diferentes convocatorias abertas e requisitos das mesmas. Neste senso, a Facultade de Ciencias acollerá este xoves, a partir das 11.00 horas, a primeira das charlas que o Servizo de Relacións Exteriores da USC ten previsto dar no Campus Terra e nas que o estudantado poderá coñecer de primeira man os detalles da mobilidade por convenio bilateral e SICUE, ademais de poder consultar as súas dúbidas.

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC tamén acollerá este xoves, a partir das 13.00 horas, unha charla informativa sobre os programas de mobilidade cara ao exterior. Este programa impulsado polo SRE da USC e orientado a animar ao estudantado da USC a completar parte da súa formación noutros países chegará ao seu remate o 5 de febreiro, data na que está programado celebrar, a partir das 12.00 horas, na aula e-Terra, situada na Biblioteca Intercentros de Lugo, a última das sesións informativas. Ademais, as persoas interesadas poderán realizar as súas consultas no correo electrónico bilateral.exchange [at] usc.es (bilateral[dot]exchange[at]usc[dot]es).

As estatísticas de estudantado internacional que completa parte da súa formación universitaria no campus lugués deparan unha evolución positiva nos últimos anos. De feito, ao longo do presente ano académico, a Oficina de Relacións Exteriores da USC xa certificou a chegada de 116 alumnos e alumnas internacionais ás distintas facultades e escolas do Campus Terra, unha cifra que podería incrementarse ata chegar a 150, cifra que coincide co número de solicitudes recibidas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.01.2018.