O Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago recoñece o catedrático da Universidade de Alabama en Birmingham John K. Moore
O catedrático na Universidade de Alabama en Birmingham John K. Moore, polo seu libro The Legal Case of José Soller, Accused of Impersonating a Pastor and Other Crimes in Seventeenth-century Spain, acaba de ser recoñecido na edición 2021 do Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago e das Peregrinacións que outorga a USC a través da súa Cátedra institucional homónima. A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións é resultado da colaboración entre a institución compostelá e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.
O libro do profesor Moore consiste nun estudo de contexto histórico, edición crítica e tradución ao inglés de El fiscal de Su Majestad contra José Soller, peregrino mulato, por fingirse sacerdote y otros delitos, un proceso dos anos 1693 e 1694 gardado no Arquivo do Reino de Galicia e inédito ata hoxe. Moore dedícase á investigación da literatura hispánica e aos estudos da peregrinación. Dende 2000, explorou diversas rutas xacobeas con alumnos, compañeiros e amigos. Asemade, ten desenvolvido múltiples ensaios sobre o Camiño de Santiago, a peregrinación medieval e Santiago O Maior.
O xurado deste galardón que chega xa á súa cuarta edición estivo composto por Miguel Taín Guzmán, profesor de Historia da Arte na USC e director da Cátedra; María José Azevedo Santos, catedrática da Universidade de Coimbra; así como Daniel C. Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela.