Últimos días para participar na convocatoria de mobilidade por convenio bilateral con universidades de países extracomunitarios
A convocatoria de mobilidade por convenio bilateral para o próximo curso 2018-2019 permanecerá aberta ata o próximo 14 de febreiro, tanto para alumnado de grao como de máster.
A convocatoria está dirixida á realización de estudos en diversos universidades de países extracomunitarios, nomeadamente países de América latina, Estados Unidos, Canadá, Australia, Rusia, Xapón, República Popular de China, Corea do Sur ou Taiwán e coas que a USC ten formalizado un convenio de intercambio bilateral de estudantes. Esta convocatoria será única tanto para o alumnado que vai solicitar a realización de estudos durante o primeiro ou no segundo semestre, así como curso completo.
A mobilidade poderá solicitala estudantado matriculado este curso na mesma titulación para a que solicita o intercambio e que deberá corresponderse a estudos conducentes a obtención dun título de grao ou máster acreditando unha nota media mínima de 6.
Co gallo de difundir as particularidades desta convocatoria, a Vicerreitoría de Internacionalización organiza unha serie de charlas informativas en diversos centros dos campus de Santiago e Lugo. Así, este martes 6 está prevista unha sesión no Salón de Actos de Filoloxía a partir das 12.00 horas para a comunidade universitaria deste centro e das facultades de Ciencias da Comunicación, Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias da Educación do Campus Norte. Xa o mércores 7, ás 10.00 horas no módulo A de Psicoloxía, o destinatario será o alumnado deste centro e das facultades de Ciencias da Educación de Campus Vida, Física, Óptica e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Finalmente, o xoves 8 será a quenda do alumnado de Medicina, Odontoloxía e Enfermaría cunha sesión ás 11.30 horas no Aulario do edificio docente Roberto Nóvoa Santos.
Ademais, as persoas interesadas poderán realizar as súas consultas no correo electrónico bilateral.exchange [at] usc.es (bilateral[dot]exchange[at]usc[dot]es) ou consultar a información dispoñible na web da convocatoria.