Os 'Encontros na USC' achegan máis de 3.500 estudantes de secundaria ao campus compostelán
Máis de 3.500 estudantes de secundaria de 68 centros de toda Galicia visitan este semana as instalacións da USC no campus compostelán dentro dos ‘Encontros na USC’. Esta é unha iniciativa que forma parte do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ coa que se pretende achegar o alumnado de secundaria aos distintos estudos de grao que se ofertan no Campus compostelá.
A visita mostra as instalacións coas que o futuro alumnado universitario se atopará no seu paso á Universidade co obxecto de facilitar a elección de futuro estudos. O percorrido das visitas inclúe aulas, laboratorios, bibliotecas e outras instalacións xerais. Ademais do profesorado responsable dos centros participan titores do alumnado de primeiro curso, que serán os/as encargados de dirixilos na visita comentando as súas vivencias na Universidade de Santiago.
Os ‘Encontros da USC’ desenvólvense con dous posibles percorridos, para o Campus Norte e para Campus Vida. No primeiro caso, o percorrido inclúe visitas ás facultades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación, Ciencias Económicas e Empresariais, Traballo Social e Ciencias da Educación, Enfermaría, Medicina e Odontoloxía e Xeografía e Historia. Paralelamente, o grupo de Campus Vida coñecerá os graos de Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais, Química e Enxeñaría Química, Bioloxía e Farmacia, Enxeñaría Información e Matemáticas, Física e Matemáticas, Enxeñaría Informática e Física, Química e Física, Óptica e Optometría, e Psicoloxía e Ciencias da Educación.