Pasar al contenido principal

USC, UVigo e UDC crean o CITMAga para potenciar a investigación e a transferencia de coñecemento matemático á sociedade

CITMAga serve como piar de excelencia dentro do ecosistema de innovación e investigación. FOTO: Santi Alvite
CITMAga serve como piar de excelencia dentro do ecosistema de innovación e investigación. FOTO: Santi Alvite
Este centro interuniversitario que dá os seus primeiros pasos, dotará a cidadanía e a industria “de coñecemento innovador e vantaxes competitivas e sostibles a través do acceso a capacidades científicas e tecnoloxías de primeiro nivel”
Santiago de Compostela

A investigación de excelencia e a transferencia de coñecemento en todas as áreas das Matemáticas constitúen o eido de actuación do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemáticas de Galicia (CITMAga) que nace como froito da suma de esforzos das tres universidades galegas. USC, UDC e UVigo únense para conformar este novo Centro que aspira a converterse nun piar de excelencia científica dentro do ecosistema de innovación e investigación de Galicia, formando, atraendo e retendo talento, “para dotar a sociedade e a industria galega e española de coñecemento innovador e vantaxes competitivas e sostibles a través do acceso a capacidades científicas e tecnoloxías de primeiro nivel”, sinalan dende as tres institucións.

Con esta iniciativa, as universidades galegas integran as súas capacidades científicas e tecnolóxicas no eido das Matemáticas máis competitivas nunha Axenda científica común, aliñada cos retos globais definidos polos programas marco europeos (Horizon Europe), a Estratexia Española de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación e a RIS3 de Galicia.

“Somos unha potencia na investigación e na transferencia das matemáticas e neste senso o CITMAga continuará co bo facer que ata o de agora desenvolveron tanto o Instituto de Matemáticas da USC, como o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI)”, quixo subliñar o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, logo da reunión do Consello Reitor celebrada este mércores e que serviu de punto de partida para este centro interuniversitario. Nesta reunión do Consello Reitor tamén se nomeou o Consello Asesor Científico Externo, que estará integrado por Manuel de León, fundador e ex-director do Instituto de Ciencias Matemáticas (ICMAT); Luis Vega, ex-director do Basque Center for Applied Mathematics (BCAM); Emilio Carrizos, presidente da Red Math-in; Patrizia Pucci, profesora da Universidade de Perugia; e Kathryn Hess, profesora da Ecole Polytechnique Federale de Lausane, todos eles referentes no ámbito das Matemáticas a nivel internacional, e líderes de iniciativas de éxito coma o ICMAT ou o BCAM. Dado que a actividade de transferencia é tamén un piar do centro, o CITMAga contará cun Comité Asesor Industrial do que formarán parte Rebeca Acebrón, CEO en Acebrón Group e vicepresidenta de ASIME; Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa; Javier Bullón, ex-director de I+D de Ferroatlántica; Antonio Torrado, director da área de Big Data & Advanced Analytics de SDG Group Iberia; e Xosé Ramón Sousa, director de I+D de Optare Solutions.

A axenda científica

CITMAga serve como piar de excelencia dentro do ecosistema de innovación e investigación e tecnoloxía matemáticas de Galicia, atraendo e retendo talento, cun forte compromiso coa transferencia de coñecemento e dando á sociedade e á industria galega e española unha vantaxe competitiva e sostible a través do acceso a tecnoloxías innovadoras de primeiro nivel.

Estes obxectivos reflíctense claramente na súa organización científica. A Axenda M4 (Axenda "Matemáticas para") inclúe catro áreas de investigación e transferencia (AIT), —Matemáticas para a vida e a sustentabilidade, Matemáticas para a sociedade dixital, Matemáticas para a competitividade industrial e Matemáticas para a ciencia e o coñecemento— concibidas como programas interdisciplinarios que promoven a colaboración científica e a interacción institucional para resolver problemas globais relacionados coa vida e a saúde, a sociedade dixital e a industria, así como para xerar e difundir coñecementos matemáticos de vangarda.

Referencia internacional

A ciencia matemática é un ámbito científico no que a USC ocupa unha posición destacada en distintos rankings a nivel estatal e internacional. No ámbito da Física e as Matemáticas está entre as dez mellores universidades españolas e a nivel internacional a súa posición adoita estar no tramo 300-400. Neste senso, o Instituto de Matemáticas da USC, creado en 1984 adscribiu a un bo número de investigadores en matemáticas desenvolvendo unha labor investigadora de alto nivel. “As matemáticas na USC teñen destacado no contexto español pola súa capacidade de establecer relacións coa contorna industrial, no ámbito xeral da matemática aplicada”, apunta o vicerreitor de Investigación e Innovación.

A estreita relación coa contorna e a necesidade de contar con mecanismos de transferencia adaptados ás necesidades das demandas por parte da industria levaron a un grupo de investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, a promover a creación dun consorcio interuniverstario, o ITMATI, que dende a súa creación, en 2011, desenvolveu unha destacada actividade na posta a disposición do coñecemento e as capacidades matemáticas desenvoltas nas universidades galegas ao mundo empresarial. A relación co entorno industrial materializouse en distintas iniciativas como por exemplo a creación dunha Unidade Mixta de Investigación con REPSOL, coñecida multinacional española do sector enerxético, e tamén numerosas colaboracións con empresas punteiras como Reganosa. A creación do  CITMAga supón, polo tanto, un novo paso ao tratarse dun centro interuniversitario que aspira a converterse nun centro de investigación de referencia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.02.2022.