Pasar al contenido principal

Máis de 120 estudantes de secundaria e Bacharelato participan este mércores na USC na IX Olimpíada Galega de Xeoloxía

Cartaz da IX Olimpíada de Xeoloxía
Cartaz da IX Olimpíada de Xeoloxía
Bioloxía e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría son sedes dun certame promovido Asociación Española para o Ensino das Ciencias da Terra que suma 202 participantes

Un total de 124 estudantes de secundaria e Bacharelato procedentes de diferentes centros educativos das provincias de Lugo, Coruña e Ourense formalizaron a súa inscrición para participar este mércores 7 de febreiro na USC nas probas da fase galega da IX Olimpíada Galega de Xeoloxía, un certame promovido a nivel nacional pola Asociación Española para o Ensino de Ciencias da Terra (AEPCET) en colaboración coa Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos, e que en Galicia suma un total de 202 inscricións.

As probas deste certame programadas na USC e nas que tomarán parte uns 124 estudantes, desenvolveranse de xeito simultáneo, a partir das 11.30 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo e na Facultade de Bioloxía de Compostela, onde se agarda a participación de 59 e 65 estudantes, respectivamente. A Facultade de Ciencias de Ourense e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas, en Vigo, tamén serán sede das fases provinciais deste certame programadas en Ourense e Pontevedra, respectivamente.

A IX Olimpíada de Xeoloxía, unha actividade na que en Galicia colabora de xeito activo a USC a través do seu Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, pretende fomentar o interese do estudantado pre universitairo polos contidos propios da Xeoloxía e do conxunto das Ciencias da Terra, ao tempo que busca animar aos participantes a orientar o seu futuro universitario cara a este eido, ademais de sensibilizar sobre a importancia da preservación do medio natural.

Os gañadores de cada unha das fases provinciais que se celebrarán este mércores participarán na fase española da Olimpíada de Xeoloxía, unha competición que se desenvolverá o 17 de marzo en Segovia. Os catro mellor clasificados na fase española poderán competir no campionato internacional, que terá lugar en agosto en Tailandia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.02.2018.