Pasar al contenido principal

Aberta a inscrición nos test de nivel do CLM

Segundo o idioma, a realización do test poderá ser presencial ou en liña. Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
Segundo o idioma, a realización do test poderá ser presencial ou en liña. Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
Ata o 23 de setembro, o alumnado que queira matricularse nun dos cursos ofertados coñecendo o idioma mais sen posuír un nivel asignado polo Centro de Linguas Modernas, deberá realizar unha proba clasificatoria
Lugo, Santiago de Compostela

O prazo de inscrición para os test de nivel do Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC mantense aberto ata o vindeiro 23 de setembro, mentres que os test de nivel de Español teñen un calendario propio ao longo de todo o ano. As persoas que desexen matricularse nalgún dos cursos ofertados polo Centro e que carezan de nivel asignado ao non ter aprobado un curso no CLM ou na EOI o ano anterior, deberán realizar un test clasificatorio de nivel e inscribirse nel previamente. Se teñen o nivel asignado dende hai dous anos, deben avisar no clm [at] usc.gal (clm[at]usc[dot]gal) para poder formalizar a súa matrícula en liña.

Segundo o idioma, a realización do test poderá ser presencial ou en liña. “No caso de existir dúas ou máis datas para o test clasificatorio de nivel presencial dunha mesma lingua, recomendase acudir ao primeiro porque as prazas nos cursos cubriranse por rigorosa orde de matrícula”, explica a responsable do CLM, Katerina Vlasakova. O test de nivel en liña pode facerse durante o período da matrícula segundo o acordo co profesorado. As candidatas e os candidatos recibirán unha ligazón do test por correo electrónico despois de realizar a inscrición e avisar a través do mail indicado na plataforma. A inscrición no test clasificatorio de nivel presencial / en liña farase de balde por Internet dende a secretaría virtual da USC á que se pode acceder dende a páxina web do CLM.

Cursos ofertados

No curso 2021-2022, o CLM da USC oferta no Campus de Santiago prazas tanto para o seu curso regular anual de inglés, como para o curso anual semi-presencial deste mesmo idioma. Pola súa parte, os cursos regulares semestrais, con diferente número de prazas dependendo do idioma, abranguen o ensino de alemán, catalán, francés, galego para non falantes, italiano e portugués. Finalmente, alemán por destrezas, cursos de preparación para os exames “Certificats B i C de Català” do IRL, Inglés – Curso semi-intensivo semestral B1.1, Inglés – Curso semi-intensivo semestral B1, Inglés – Curso semi-intensivo semestral B2 e Inglés – Curso semi-intensivo semestral C1, entre outros, son cursos que integran a oferta na modalidade de cursos específicos do primeiro semestre. O seminario en liña ou presencial de checo para o contexto universitario completa unha oferta que tamén se nutrirá a partir do mes de outubro de sesións de conversa en varios idiomas e niveis.

No Campus de Lugo, os cursos específicos do primeiro semestre céntranse en Inglés – Curso semi-intensivo semestral B2.1, Inglés – Curso semi-intensivo semestral B2 e B1.1, Inglés Speaking and Listening Skills B2 e Galego para non galegofalantes en liña, así como cursos semestrais presenciais de Español como lingua estranxeira. Pola súa parte, a oferta de cursos regulares semestrais tamén abrangue o estudo de alemán, francés e inglés. “Cabe destacar que a partir do curso 2021-2022 o máximo de persoas por aula serán 15 e que a comunidade universitaria da USC ten prezos reducidos”, engade Katerina Vlasakova.

O Centro de Linguas Modernas da USC ofrécelles tamén aos estudantes estranxeiros de programas de intercambio e a todas as persoas interesadas Cursos presenciais e cursos en liña de español como lingua estranxeira.

Exames DELF nivel B1 en Lugo

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC amplía a súa oferta de servizos no Campus de Lugo coa celebración de probas de certificación oficial dos exames DELF (Diploma de estudos de Lingua Francesa) da Alianza Francesa, unha entidade dependente do Ministerio de Educación de Francia e da que este servizo da USC actúa como centro colaborador. A profesora da sección de francés do CLM Martázul Busto relatou que na actualidade a sede luguesa do CLM mantén aberto ata finais de setembro o prazo de inscrición para a convocatoria de exames DELF de nivel B1, unhas proba de certificación oficial que se desenvolverá na Facultade de Humanidades o 21 de outubro.

Alén desta nova oferta do CLM da USC na sede universitaria luguesa, onde está prevista a convocatoria de dúas probas anuais de certificación oficial dos exames DELF nos meses de outubro e de xuño, Martázul Busto explicou que a programación ordinaria de do Centro de Linguas Modernas da USC mantén cursos ordinarios de lingua francesa de duración semestral e que serven de preparación para o DELF.

As persoas interesadas en participar na convocatoria das probas de certificación oficial DELF para o nivel B1 programadas para o mes de outubro poden formalizar xa a súa inscrición a través desta ligazón en liña. Tamén se pode obter máis información sobre a obtención dos diplomas de estudos en Lingua Francesa ou de calquera outra lingua moderna na web do CLM da USC.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.09.2021.