Pasar al contenido principal

O proxecto Inventhei crea ecosistemas de investigación para innovar en avellentamento

O proxecto estenderase ata decembro de 2021, coa posibilidade de ampliarse 18 meses máis. FOTO: Santi Alvite
O proxecto estenderase ata decembro de 2021, coa posibilidade de ampliarse 18 meses máis. FOTO: Santi Alvite
No marco dos mestrados en Psicoxerontoloxía e Xerontoloxía da USC desenvolveranse seminarios que “favorezan a creación ou o desenvolvemento de empresas con alto coñecemento en tecnoloxías de vangarda”
Santiago de Compostela

A USC toma parte no proxecto Inventhei, baseado en mellorar os ecosistemas rexionais de innovación partindo das infraestruturas existentes e que conta con financiamento do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía. Neste senso, a institución compostelá estudará as capacidades de innovación e emprendemento en psicoxerontoloxía —en virtude do Máster que nesta eido oferta a Facultade de Psicoloxía— e xerontoloxía —dende o Mestrado que neste ámbito imparte a Facultade de Enfermaría—.

O desenvolvemento de reunións cos centros cos que os mestrados manteñen convenios de prácticas, coa intención de reforzar, deste xeito, o funcionamento das mesmas e coñecer os retos do sector é unha das iniciativas que se levan a cabo no marco deste proxecto. “Para 2025, unha masa crítica de mozos emprendedores e innovadores altamente educados contribuirán ao xurdimento de ecosistemas de investigación e innovación altamente dinámicos que favorezan a creación ou o desenvolvemento de empresas con alto coñecemento en tecnoloxías de vangarda, produtos de valor e servizos agregados, e modelos comerciais innovadores nos dominios da manufactura e a saúde”, sinalan os impulsores do proxecto.

Seminarios

Os profesores David Facal Mayo e Manuel Gandoy Crego traballan no deseño de  tres seminarios con alumnado e profesorado dos mestrados e que se desenvolverán nos meses de outubro, novembro e decembro, para traballar os retos do sector dende unha triple perspectiva: a innovación centrada na persoa, a innovación centrada no equipo e a innovación centrada nos resultados. Asemade, botarase man de metodoloxías da innovación e o emprendemento como o Design Thinking ou o Lean StartUp. Tamén está prevista cara a fins de ano, unha xornada final do proxecto na que se darán cita alumnado, profesorado e profesionais do sector

Alén da USC, integran o consorcio a Universidade do Porto —líder do proxecto—, a   Universidade de  Pardubice en Chequia, a de Sheffield en Reino Unido, INOVA +  Innovation  Services de Bélxica, a Universidade  TTK de Ciencias Aplicadas estoniana, e a Universidade  Valahia de  Targoviste,  Romanía. O proxecto estenderase ata decembro de 2021, coa posibilidade de ampliarse 18 meses máis.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.09.2021.