Pasar al contenido principal

Estudantes de Portugal, Santiago e Lugo coñecen o Campus de Terra da USC grazas ao proxecto europeo Phereclos

Estudantes e docentes lusos implicados no proxecto Phereclos, xunto con profesorado da USC, no Campus de Lugo
Estudantes e docentes lusos implicados no proxecto Phereclos, xunto con profesorado da USC, no Campus de Lugo
XuvenCiencia e a Facultade de ADE súmanse á Universidade de Porto nun programa que desde este xoves permitirá a adolescentes achegarse aos centros universitarios e á cidade amurallada, ademais de participar nun obradoiro en emprendemento tecnolóxico, conversar con CEOs de start-up e visitar as instalacións de AMSLab
Lugo

Sesenta estudantes preuniversitarios da localidade portuguesa de Valongo —duns 90.000 habitantes no distrito de Porto—, Santiago e Lugo participarán en actividades formativas incluídas no proxecto europeo Phereclos organizadas pola Facultade de ADE do Campus de Lugo da USC en colaboración con XuvenCiencia e a Universidade de Porto. Esta visita do alumnado portugués á cidade de Lugo, onde permanecerán desde este xoves ata o sábado 25 de setembro , completa o intercambio de estudantes iniciado a principios de setembro coa visita do alumnado galego a Universidade de Porto.  

Un grupo de 22 alumnos/as procedentes da Escola Profissional de Valongo (Profival), acompañado por dous docentes, chegará este xoves a Lugo, onde visitarán, a partir das 130 horas, a Facultade de Ciencias. Así, tras unha breve recepción por parte do decano Francisco Fraga, a delegación lusa fará un percorrido polas instalacións e os laboratorios do centro, ao tempo que terán unha primeira aproximación ás titulacións de grao que imparte –Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Nutrición Humana e Dietética e Bioquímica-.

O programa desta primeira xornada inclúe tamén unha vista á Facultade de Veterinaria, onde, logo de manter un encontro co decano, Gonzalo Fernández, poderán visitar a Aula de Habilidades Clínicas e o Hospital Veterinario Rof Codina. A xornada do xoves rematará xa no centro da cidade, cunha visita á sede do Museo Pedagóxico de Galicia que alberga o IES Lucus Augusti, que é outra das entidades implicadas neste intercambio preuniversitario promovido ao abeiro do proxecto Phereclos.

Alumnado dos institutos lugueses Lucus Augusti e A Nosa Señora dos Ollos Grandes e do IES compostelán Arcebispo Xelmírez II sumarase ao estudantado de Valongo para a sesión que desenvolverá o venres 24, a partir das 10.00 horas, na Facultade de ADE do Campus de Lugo da USC. O decano de ADE, Roberto Bande deseñou, xunto coa Porto Business School, un obradoiro presencial que comezará con conversas cos CEO de dúas start-up, tal e como o son Elio López, responsable da compañía luguesa Innogando, de servizos para os gandeiros e de benestar animal, e Leticia Seara, de LexDigo, unha iniciativa no ámbito das Ciencias Sociais.

Os estudantes aproveitarán este obradoiro presencial para presentar as ideas de negocio que saíron das actividades previamente realizadas en liña e durante a viaxe que o estudantado galego do proxecto realizou a Porto a comezos de setembro. A continuación poderán aproveitar unha sesión de traballo titulada ‘Canvas como ferramenta de xestión estratéxica’, da man da profesora do Campus de Lugo da USC Begoña Barreiro, experta en creación de empresas.

Despois dun xantar no Campus, todo o grupo, acompañado nesta viaxe a Lugo por un equipo da Reitoría da Universidade de Porto, acudirá ao polígono do Ceao para coñecer as instalacións de AMSLab, unha empresa punteira no eido das solucións para análises de calidade en ámbitos tan diversos como o téxtil, a alimentación, a veterinaria, a farmacia ou os xoguetes.  

Xa a partir das 18.00 horas do venres, o estudantado dos catro institutos poderá sumarse aos obradoiros, demostracións e presentacións organizados no Vello Cárcere de Lugo por XuvenCiencia e a Asociación de Investigador@s AgroMar do Campus de Lugo con motivo da G-Night, a celebración simultánea en toda Europa da Noite das Persoas Investigadoras. Dous destes obradoiros, ‘Experimentos de física’ e ‘Faz un telemóvel do tempo da pedra’, estarán ao cargo de persoal  docente e investigador da Universidade de Porto.

Os adolescentes e o profesorado procedente da Profival de Valongo e da Universidade do Porto aínda terán oportunidade na mañá do sábado 25 de setembro, antes de emprender camiño de regreso cara a Portugal, de camiñar o centro histórico da cidade e os seus tres Patrimonios Mundiais da Humanidade, así como achegarse a algún dos espazos verdes dunha cidade que é capital das Terras do Miño, que conta con declaración de Reserva da Biosfera pola Unesco.

Longa colaboración

Este intercambio está coordinado polos responsables do grupo de innovación docente XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez e Wajih Al-Soufi; o decano da facultade de ADE do Campus de Lugo da USC, Roberto Bande Ramudo, e Vítor Silva, da Reitoría da Universidade de Porto. Grazas ao seu traballo conxunto e á participación dos institutos galegos Ollos Grandes, Lucus Augusti e Xelmírez II e o portugués de Valongo, a Porto Business School e a asociación Escola-ON naceu esta iniciativa galegoportuguesa de emprendemento tecnolóxico.

O equipo transnacional no que toma parte XuvenCiencia e a Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo está liderado pola Universidade de Porto, a través da súa Universidade Júnior, que participa do proxecto PHERECLOS da convocatoria europea Horizon2020. O proxecto PHERECLOS (Partnerships for Pathways to Higher Education and Science Engagement in Regional Clusters of Open Schooling), que se podería traducir como Colaboracións para Camiños cara a unha Educación Superior e Compromiso Científico en Grupos Rexionais de Escolaridade Aberta, está integrado por universidades para nenos e mozos de Austria, Polonia, Dinamarca, Italia, Portugal, Finlandia, Romanía, Reino Unido e Colombia.

XuvenCiencia e a Universidade Júnior de Porto manteñen unha longa colaboración que ten como orixe a pertenza de ambas as institucións á Eucu.net, a rede das universidades europeas para a infancia e a mocidade, e nos campamentos para público preuniversitario que organizan tanto o grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC como o seu homólogo portugués.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.09.2021.