Ciencias da Educación acollerá en xuño un simposio sobre a relación entre a investigación e a práctica educativa
O simposio ‘ Conectando redes. A relación entre a investigación e a práctica educativa’ celebrarase na Facultade de Ciencias da Educación o vindeiro mes de xuño para dar visibilidade ao traballo realizado en investigación educativa polas redes de Excelencia en Educación REUNI+D (Rede Universitaria de Investigación e Innovación Educativa) e RILME (Rede de Investigación sobre Liderado e Mellora da Educación). Ata o 15 de febreiro, todos aqueles profesionais e estudosos/as da educación interesados poden achegan as súas comunicacións.
Na presente edición, este encontro porá de relevo aquelas cuestións que interesan e preocupan aos grupos de investigación relacionados coa educación, as súas técnicas de investigación e o desenvolvemento do coñecemento pedagóxico. A finalidade é contribuír á mellora da visibilidade dos estudos que realizan investigadores e grupos de investigación en España.
Entre os obxectivos a alcanzar, o programa do simposio busca indagar sobre a importancia e a necesidade de investigar en redes e achegar criterios para mellorar a calidade, profundidade e transferencia dos resultados da investigación educativa e revisar os principais temas e problemas de investigación abordados dende ambas redes. Tamén se busca analizar as fortalezas e debilidades da difusión, divulgación e transferencia derivados da investigación en educación e formular o sentido dos encontros e desencontros entre a investigación, as políticas e as prácticas educativas.