Pasar al contenido principal

Un equipo de Bioloxía estuda a influencia do funcionamento dos ecosistemas na supervivencia da aguia real en Galicia

Os autores advirten da relevancia de manter uns ecosistemas sans para a conservación de especies emblemáticas como a aguia real. Imaxe: Luis Tapia
Os autores advirten da relevancia de manter uns ecosistemas sans para a conservación de especies emblemáticas como a aguia real. Imaxe: Luis Tapia
O novo traballo parte de datos recompilados ao longo dos últimos 20 anos arredor da aguia real en Galicia e apóiase en técnicas de modelización e observación da terra, entre elas sistemas de teledetección e imaxes de satélite da NASA

Un equipo da Facultade de Bioloxía acaba de atopar evidencias sobre a influencia da interacción e fluxos de enerxía entre a superficie terrestre e a atmosfera no éxito reprodutivo das especies nos niveis superiores da cadea trófica, concretamente no caso da Aguia Real en Galicia. Os resultados demostrarían a “importancia de manter o funcionamento dos ecosistemas para a supervivencia” desta especie en Galicia, apunta Adrián Regos, do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC.

Un traballo agora publicado na revista Ecosystems, co título ‘Ecosystem Functioning Influences Species Fitness at Upper Trophic Levels’, identifica a influencia na reprodución da aguia real de variacións espazo-temporais na temperatura da superficie terrestre, do albedo (proporción entre a enerxía luminosa que incide nunha superficie e a que se reflicte), da produtividade da vexetación e dos incendios forestais. Ademais de Adrián Regos, asinan o traballo Luis Tapia e Jesús Domínguez, igualmente do Departamento da USC; e Salvador Arenas Castro, do Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos da Universidade do Porto; e Alberto Gil Carrera, da Estación Biolóxica do Xurés (Lobios).

Os autores advirten da relevancia de manter uns ecosistemas sans para a conservación de especies emblemáticas como a aguia real. “O procesos ecolóxicos que interveñen no funcionamento dos ecosistemas son fundamentais para asegurar a conservación da biodiversidade nos seus diversos niveis tróficos” asegura o investigador Adrián Regos. Segundo os autores o balance enérxico e o intercambio de materia e enerxía que se produce entre a superficie terrestre e a atmosfera son procesos fundamentais pero raramente considerados nos estudos de éxito reprodutivo dos grandes predadores, como a aguia real (Aquila chrysaetos).

“A produtividade primaria e a temperatura superficial son factores que inflúen indirectamente no éxito reprodutivo da especie, xa que determinan a dispoñibilidade de alimento e polo tanto a idoneidade do hábitat de nidificación” afirma o doutor Luis Tapia, que leva xunto con Alberto Gil-Carrera estudando a especie en Galicia nos últimos 20 anos.

Incendios

O estudo tamén demostra que os incendios forestais, elementos que interrompe o balance enerxético a nivel ecosistémico, ten un impacto directo sobre o éxito reprodutivo da especie. Segundo o estudo a especie podería beneficiarse da apertura de espazos abertos causados polos fogos xa que crea novas áreas de caza especialmente en zonas moi forestadas. Non obstante, “o impacto dos lumes no éxito reprodutivo da especie depende da intensidade coa que arde, a súa extensión, e as posteriores taxas de recuperación pos-fogo, o que limita o seu efecto positivo a unha ventá temporal de oportunidade moi limitada, de apenas tres anos, aspecto que require de maior estudo”, recoñece o investigador Adrián Regos.

No departamento de Zooloxía da USC levan anos utilizando as máis avanzadas técnicas de modelización e observación da terra en diversas aplicacións de ecoloxía terrestre e conservación da biodiversidade. “A teledetección e as imaxes de satélite que a NASA ven proporcionando de forma gratuíta nos últimos anos constitúe unha ferramenta esencial en estudos desta índole”, afirma Jesús Domínguez Conde, profesor do departamento e coautor do estudo. As longas series temporais de imaxes de satélite combinadas co programa de seguimento da aguia real establecido en Galicia dende finais dos 90 ofrecen un fonte de información de enorme valor para a conservación da especie. “O desenvolvemento de produtos de teledetección da NASA permite extraer indicadores do funcionamento dos ecosistemas que nos permiten coñecer indirectamente o estado da biodiversidade, e de especies emblemáticas como a aguia real”, comenta o investigador Salvador Arenas-Castro, investigador do CIBIO/InBIO de Porto e colaborador do traballo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.09.2021.