Pasar al contenido principal

Carmen Álvarez Lorenzo e Manuel Ladra González, recoñecidos coas Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias

Carmen Álvarez e Manuel Ladra
Carmen Álvarez e Manuel Ladra son dous dos cinco premiados na edición deste ano das Medallas de Investigación da RAGC
Estas distincións recoñecen traxectorias consolidadas de científicos/as galegos en activo e buscan fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas
Santiago de Compostela

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica Carmen Álvarez Lorenzo e o catedrático de Álxebra Manuel Eulogio Ladra González acaban de ser recoñecidos coas Medallas de Investigación que outorga a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para distinguir traxectorias consolidadas de científicos galegos en activo. É un recoñecemento co que RAGC pretende destacar traxectorias senlleiras en investigación, desenvolvidas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. Xunto aos investigadores da USC tamén resultados premiados nesta terceira edición Carlos Hervés Beloso, da UVigo, e Luis Castedo Ribas e María Antonia Señarís Rodríguez, da UdC.

Carmen Álvarez

Carmen Álvarez Lorenzo (Santiago de Compostela, 1970) recibe a medalla Ánxeles Alvariño González, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. É catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, ademais de académica numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia e fellow do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE). Conta con 23 anos de investigación posdoutoral en institucións como o Massachusetts Institute of Technology (MIT) e en colaboración con industrias. O seu traballo sitúase na interfase da bioloxía, a ciencia dos materiais e a medicina coa tecnoloxía farmacéutica, e deu lugar a unha ampla variedade de sistemas de administración de fármacos nas escalas macro, micro e nano, a produtos de combinación fármaco-produto sanitario e a scaffolds para medicina rexenerativa.

As súas achegas recóllense en máis de 300 artigos en revistas indexadas, 37 capítulos de libro, dous libros en co-edición, preto de 400 comunicacións a congresos e 18 patentes, algunhas delas estendidas a outros países europeos, USA e Xapón. “Esta distinción supón un estímulo e tamén un reto para o meu traballo futuro, e quero compartila con todas as persoas que me apoiaron dende os inicios da miña carreira e que me enriqueceron coas súas ensinanzas, cos meus estudantes de doutoramento así como con todos os membros do grupo I+D Farma” –manifesta–.

Manuel Ladra

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle a Manuel Eulogio Ladra González (A Coruña, 1956). É catedrático de Álxebra na  USC e socio da  RSME. Con 43 anos de actividade docente, Manuel Ladra desenvolveu toda a súa actividade académica, profesional e investigadora na USC. Dirixiu 15 teses de doutoramento e actualmente dirixe outras dúas. Ademais de desempeñar labores de xestión universitaria e de avaliación científica, o galardoado é investigador principal de varios proxectos nacionais e internacionais.

O seu labor investigador, difundido en máis de 130 artigos publicados en revistas de impacto internacional, céntrase no estudo da álxebra homolóxica de diferentes estruturas alxébricas, investigación de estruturas alxébricas non asociativas con ampla conexión na Física e a Bioloxía, e en aspectos computacionais da álxebra non  conmutativa. Actualmente é coordinador e investigador principal da Rede de Investigación  REDE  EACA (Rede temática de cálculo simbólico, álxebra computacional e aplicacións).

“A concesión da medalla supón unha gran satisfacción persoal, polo recoñecemento á miña traxectoria científica durante máis de 40 anos, ao ser o máis prestixioso a nivel galego no ámbito onde traballo. Pero tamén é un respaldo á investigación pura en matemáticas, no meu caso particular á disciplina da álxebra, aos meus compañeiros e amigos do meu grupo de investigación en matemáticas na USC. Ademais, é un recoñecemento ao meu departamento e á Facultade de Matemáticas, pola súa posición no liderado internacional en Matemáticas nos últimos anos” –apunta–.

Acto de entrega

A entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, que se celebrará o vindeiro 8 de outubro no Colexio de Fonseca en Santiago. Na mesma xornada tamén se homenaxeará como ‘Científica Galega do Ano’ a figura de Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética médica en España. A celebración do Día da Ciencia en Galicia promove a posta en valor da traxectoria dos científicos que historicamente e na actualidade contribúen de forma significativa ao avance do coñecemento e á súa aplicación á mellora da calidade de vida das persoas e ao progreso económico de Galicia.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.09.2021.