Pasar al contenido principal

O ciclo 'Ciencia para novos investigadores' achegará 450 estudantes de secundaria á Facultade de Ciencias

Traballo nun laboratorio da Facultade de Ciencias
Traballo nun laboratorio da Facultade de Ciencias
Alumnos do Colexio Maristas-A Inmaculada de Lugo abren este xoves un programa de visitas e prácticas de laboratorio

A Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC botará a andar este xoves 11 unha nova edición do ciclo ‘Ciencia para novos investigadores’, un programa de estímulo de vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado polo persoal do centro universitario lugués. Con el, uns 450 estudantes de ensino secundario de 11 centros educativos da provincia de Lugo coñecerán a oferta formativa da Facultade e poderán desenvolver sesións prácticas nos seus laboratorios.

O programa de visitas desenvolverase de xeito continuado as mañás do 11 ao 24 de xaneiro. A elevada demanda de centros educativos para participar neste programa propiciou que a Facultade de Ciencias abrira unha nova quenda de visitas de escolares do 21 ao 24 de maio.

As distintas sesións presentan unha estrutura semellante: logo dun breve acto de benvida, que estará guiado polo decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, e no que tamén intervirán os coordinadores das titulacións de grao impartidas na facultade (Enxeñería de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética), distintos profesores e persoal do centro conducirán sesións prácticas nos laboratorios, onde os estudantes preuniversitarios poderán realizar os seus propios experimentos.

Alumnos de 4º curso de ESO do Colexio Maristas-A Inmaculada de Lugo abrirán este xoves 11, a partir das 10.00 horas, esta nova edición, que nos seguintes días e ata o 24 de xaneiro terá como protagonistas estudantes de ensino secundario do IES Basanta Silva de Vilalba, IES A Pinguela de Monforte, CPI Ramón Piñeiro de Láncara, IES Sanxillao, IES Lucus Augusti, Colexio Divino Maestro e IES Ollos Grandes. Xa en maio participará alumnado de último curso da ESO do IES Ánxel Fole, Colexio Padres Franciscanos e Colexio San José.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.01.2018.