Pasar al contenido principal

Convocadas as axudas para préstamo de material informático, bonos comedor e desenvolvemento da docencia virtual

Comedor USC
Outra das convocatoria ten por obxecto sufragar parcialmente os gastos de alimentación. FOTO: Santi Alvite
A presentación de solicitudes poderá realizarse a través da Sede Electrónica da USC ata as 23.59 horas do xoves 21 de outubro
Lugo, Santiago de Compostela

A  USC,  tendo  en  conta  a  situación  xerada como consecuencia da pandemia por mor da COVID-19, desenvolve un amplo programa de axudas dirixido a facilitar o acceso e a permanencia nos estudos que oferta. O obxectivo é atender solicitudes de axudas para estudantes cunha situación económica, social ou familiar que poida influír negativamente  na  continuidade  dos seus estudos universitarios. Así, a institución publicou este mércores tres convocatorias centradas no préstamo de material informático, na emisión de bonos de comedor, así como no cofinanciamento de servizos de internet. A presentación de solicitudes realizarase a través da Sede Electrónica da USC ata as 23.59 horas do xoves 21 de outubro.

Préstamo material

A USC pon a disposición das persoas que acrediten os requisitos 200 ordenadores portátiles, 150 routers con conexión a Internet móbil 4G, 90 cámaras web e 500 plans de datos. O obxecto da convocatoria é garantir que o alumnado con dificultades económicas, que careza dos medios precisos para o seguimento da docencia virtual, poida acceder aos recursos de docencia virtual.

Para a presentación de solicitudes empregarase o formulario normalizado de solicitude dirixido á Xerencia. No caso das solicitudes de router ou de plans de datos, esta convocatoria será incompatible coa de axudas para facilitar a docencia virtual así como coa obtención de prazas no Servizo Universitario de Residencias.

Manutención

Outra das convocatoria ten por obxecto sufragar parcialmente os gastos de  alimentación mediante a emisión de bonos  de comedor intercambiables por un menú  diario na franxa horaria do mediodía, nos días e períodos lectivos segundo o calendario escolar do curso 2021/2022, e na forma e cos requisitos que se establecen nas bases reguladoras. Para a presentación de solicitudes empregarase o formulario normalizado de solicitude dirixido á Xerencia.

Docencia virtual

O cofinanciamento de servizos de internet para o alumnado coa finalidade de que  poida acceder ao  contido  do  Campus  Virtual  e  demais  ferramentas  didácticas  necesarias para a súa actividade académica é o eido de actuación doutra das convocatorias de axudas publicadas este mércores. Serán  subvencionables  os  gastos  de  acceso  a  internet  que  utilicen  as  persoas beneficiarias da axuda; os gastos subvencionables deberán corresponder a unha única liña que poderá ser fixa ou móbil; e unicamente poderá solicitarse unha subvención por persoa beneficiaria. Asemade, a contía da axuda determinarase en función da factura presentada coa solicitude e que se corresponda co inicio do período subvencionable; a  axuda  cofinanciará  o 90%  do  gasto  realizado  pola  persoa  beneficiaria; e a contía máxima da axuda por persoa beneficiaria será de 35 euros. O período subvencionable abarcará o gasto realizado dende o 6 de setembro de  2021 ao 15 de xullo de 2022. Para a presentación de solicitudes empregarase o formulario normalizado de solicitude dirixido á Xerencia.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.10.2021.