Pasar al contenido principal

Agromar impulsa o talento mozo da I+d+i desde o Campus de Lugo

Investigadores e docentes ligados á asociación Agromar
Investigadores e docentes ligados á asociación Agromar
A asociación de investigadores Agromar, que integra medio centenar de estudantes predoutorais, doutores e investigadores asociados, na súa maioría ligados á Facultade de Veterinaria e á EPS de Enxeñaría, dá continuidade e reforza a produción científica do Campus Terra nos eidos agroforestal, así como da saúde e da sanidade animal
Lugo

A asociación de inverstigadores Agromar, que integra a medio centenar de estudantes predoutorais do Campus Terra, así como a doutores e investigadores asociados aínda non consolidados, enfía o seu terceiro ano de vida co obxectivo de garantir a continuidade e, no seu caso, reforzar a produción científica que xa se está a desenvolver a sede universitaria luguesa nos ámbitos agroforestal, da saúde e da sanidade animal.

A defensa da necesidade de actividade científica e a mellora dos dereitos da mocidade investigadora son outros dos lei motiv da asociación Agromar, unha agrupación que non deixou de medrar desde o seu nacemento en 2019 no seo da Facultade de Veterinaria da USC. Este colectivo afronta o seu terceiro ano de vida coa premisa de consolidarse como músculo e espazo de encontro do talento mozo do Campus de Lugo, ademais de contribuír á promoción de formación avanzada e transversal da mocidade investigadora.

Condicionada pola pandemia derivada da COVID-19, que limitou o desenvolvemento das actividades de Agromar desde a primavera de 2020, esta asociación de mocidade investigadora ansía “ampliar horizontes”, a fin de espallar a súa pegada a toda a comunidade universitaria luguesa que olla o I+D+i e a carreira investigadora como alternativa real  de futuro.

A presidenta de Agromar, Luz Lestón Cambeiro, quen está a desenvolver a súa tese de doutoramento no Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía baixo a titoría de Azucena Mora Gutiérrez, deu a coñecer publicamente os obxectivos ambiciosos deste colectivo no marco dun acto público celebrado na Facultade de Veterinaria e no que tomaron parte un bo número de asociados, ademais doutros docentes e investigadores da USC que apoian o seu traballo e a súa loita a prol da I+D+i.

A profesora Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, foi a encargada de abrir esta sesión, que tamén pretendía servir de acto de acollida aos investigadores doutores incorporados a Agromar. O subdirector da comisión de Ciencias Sociais e Xurídicas da Escola de Doutoramento Internacional da USC (Edius), José Miguel Túñez López, e o vicedecano da Facultade de Veterinaria, Luis Quintela, trasladaron nas súas intervencións o seu apoio a esta nova xeración de investigadores e investigadoras, ás que felicitaron polo seu entusiasmo, ao tempo que lles trasladaron o seu apoio e a máxima dispoñibilidade cara a posibles colaboracións.

Dous relatorios a cargo da profesora Azucena Mora e de César Pérez Cruzado, investigador Ramón y Cajal e profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na EPS de Enxeñaría, permitiron aos investigadores en formación coñecer como se desenvolveu desde o principio a carreira investigadora destes dous docentes da USC, que achegaron algunhas recomendacións á mocidade. Ao remate das intervencións e logo dunha quenda aberta de preguntas, o encontro da Asociación de Investigadores Agromar da USC rematou cunha foliada no auditorio da Facultade de Veterinaria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.10.2021.