Pasar al contenido principal

A promoción do sector agroforestal aliña os obxectivos da Fundación Caixa Rural Galega-Tomás Notario cos do Campus Terra

Unha muller recollendo uvas. Foto: Santi Alvite
Unha muller recollendo uvas. Foto: Santi Alvite
Titulados, investigadores e centros da sede universitaria luguesa antóllanse como potenciais beneficiarios das bolsas e axudas anunciadas pola nova fundación en áreas de especialización que revertan na mellora dos sectores primarios de Galicia
Lugo

O Campus Terra, un proxecto promovido pola USC xunto coa Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia para transformar a sede universitaria luguesa nun  referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da Terra, atopa na fundación impulsada por Tomás Notario xunto con Caixa Rural Galega un aliado aliñado na promoción do coñecemento e da investigación no ámbito agroalimentario.

A finalidade desta nova fundación nada en Lugo pasa pola mellora das actividades produtivas nos sectores agroalimentario e forestal a través da formación de excelencia e da investigación, segundo puxeron de manifesto o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, e o propio Tomás Notario Vacas, na presentación desta iniciativa, no marco dun acto no que tamén participou o catedrático da USC Aberto Cepeda.

Cunha dotación inicial de 200.000 euros, contía que nunha primeira etapa xa se prevé incrementar ata polo menos un millón de euros, a fundación promoverá a investigación e os estudos superiores nos ámbitos antes citados, un cometido para o que prevé a convocatoria de bolsas para a realización de bolsas de estudos superiores e mestrados, a fin de formar profesionais con capacidade para achegar os seus coñecementos aos sectores produtivos de Galicia.

Estes programas orientados a favorecer a formación e a investigación de excelencia atopan entre os titulados e tituladas no Campus de Lugo da USC unha masa crítica que, dada a especialidade temática da súa formación previa, podería converterse en potencial beneficiaria dunhas axudas, cuxas convocatorias aínda están por definir. Alén destas liñas de actuación, o proxecto participado por Tomás Notario e Caixa Rural Galega tamén contempla destinar recursos para proxectos de investigación, edición de publicacións divulgativas, congresos científicos, convencións ou créditos ao honor, un abano de accións encamiñadas sempre, de xeito análogo ao Campus Terra da USC, á posta en valor e á optimización dos sectores agroalimentario e forestal.

A loita contra o despoboamento do medio rural é outro dos obxectivos que perseguen os promotores desta fundación, que concibe que sectores produtivos nos ámbitos agroalimentario e forestal contan en Galicia cun gran potencial e resultan piares básicos, cando non prioritarios, para fixar poboación no medio rural.

Tomás Notario, no centro, co membros do padroado de Caixa Rural Galega, nunha imaxe de arquivo
Tomás Notario, no centro, co membros do padroado de Caixa Rural Galega, nunha imaxe de arquivo
Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.10.2021.