Constatan a influencia das aves mariñas sobre o ciclo global do nitróxeno e o fósforo
As aves mariñas modifican as condicións ambientais das zonas concretas nas que establecen as súas colonias de reprodución, transformando drasticamente a composición dos solos, a auga e a vexetación. A magnitude deste impacto estudárona investigadores da Universidade de Santiago, que evidenciaron que estas especies actúan como un importante canal de transferencia de fósforo e nitróxeno dende as augas oceánicas aos continentes.
Segundo os seus cálculos, anualmente son depositadas nas colonias de cría a través dos excrementos 510.000 toneladas de nitróxeno e 99.000 de fósforo, cantidades semellantes ás das achegas fluviais realizadas polo conxunto de todos os ríos do mundo “ou mesmo do nitróxeno e fósforo extraídos das augas mariñas pola actividade pesqueira”, apuntan.
Os resultados do traballo liderado polo profesor de Edafoloxía e Química Agrícola da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Xosé Luis Otero, e que acaba de publicar a prestixiosa revista Nature Communications, supoñen unha importante contribución aos ciclos do nitróxeno e fósforo, elementos que xogan un papel crucial na produtividade mariña.
Ademais do profesor Otero asinan o artigo o catedrático de Xeografía Física da USC Augusto Pérez Alberti e o investigador Saúl De La Peña, xunto con investigadores das Universidades de Sao Paulo (Brasil) e da Autónoma de Baja California (México). Todos eles propoñen un novo termo, ‘ ornitoeutrofización’, para designar o impacto das colonias das aves mariñas sobre os ecosistemas costeiros.
Illas Atlánticas Para a investigación, titulada ‘Seabird colonies as important global drivers in the nitrogen and phosphorus cycles’, o equipo científico traballou no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, que funcionou como “un auténtico laboratorio natural” de onde saíron os primeiros datos acerca da relevancia das aves mariñas sobre o ciclo global do nitróxeno e o fósforo.
A investigación, financiada polo Organismo Autónomo Parques Nacionales e o programa de Bolsas Leonardo a Investigadores e Creadores Culturais 2016 da Fundación BBVA, comezou co cálculo previo da poboación mundial de aves mariñas reprodutoras, dando como resultado un total de 804 millóns de individuos. Posteriormente, tras aplicar un modelo bioenerxético -que considera parámetros básicos como tamaño, tipo de alimentación, taxa de eficiencia enerxética e tempo de residencia na colonia de cada especie- cuantificouse a cantidade total de nitróxeno e fósforo excretado polos adultos e crías nas colonias.
Os investigadores determinaron tamén a distribución mundial da achega global, para o que foi necesario analizar máis de 3.000 colonias, e constataron que pese a que as aves mariñas se distribúen por igual nas zonas circunspolares, máis do 80% de nitróxeno e fósforo deposítase no hemisferio sur, debido ao maior tamaño das especies nesa parte do planeta. Entre elas, sobresaen os pingüiños (especialmente o de macaroni) no hemisferio sur e o arao común no norte.