Pasar al contenido principal

A comisión reitora do Campus Terra da USC aproba o plan de actuación previsto para 2018

Reunión da comisión reitora do Campus Terra da USC
Reunión da comisión reitora do Campus Terra da USC
O reitor Juan Viaño presidiu a sesión de traballo desenvolvida este martes na Vicerreitoría de Coordinación da sede universitaria luguesa

A comisión reitora do Campus Terra da USC aprobou este martes o plan das actuacións programadas para desenvolver ao longo o presente exercicio 2018 no marco dunha sesión que estivo presidida polo reitor Juan Viaño, e que serviu asemade para dar conta do grao de execución do plan de 2017, así como para analizar a modificación da oferta de títulos de grao prevista para os vindeiros anos.

O mantemento das estruturas de gobernanza internas e externas do Campus Terra, así como da unidade técnica e a consolidación das redes de valor xeradas; o desenvolvemento de plans operativos e a materialización de accións estratéxicas indicadas no plano estratéxico do Campus Terra da USC centrarán as liñas de acción nos próximos meses.

O director do Campus Terra da USC, Javier Bueno, avanzou neste senso a pretensión de dar continuidade e avanzar neste ano no progresivo desenvolvemento dos plans operativos xa comezados nos eidos da docencia, investigación, comunicación, internacionalización, especialización docente e acreditación e certificación. Bueno sinalou neste senso que as prioridades de potenciar as plataformas e servizos de investigación e de transferencia do Campus Terra.

Outro dos acordos adoptados pola comisión reitora do Campus Terra da USC, un órgano integrado por un total de 17 membros, entre os que figuran, ademais do reitor e dos vicerreitores Javier Bueno Lema, Andrés Barreiro Lois e Carme Silva Domínguez, decanos e directores das facultades e escolas universitarias da USC no campus de Lugo, o xerente da USC, José Manuel Villanueva; o vicerexerente do campus lugués, José Luis Cruz, así como o presidente do Consello Social da USC, José María Arias Mosquera, alude á pretensión de atender e dar resposta ás necesidades que presenten os centros universitarios e as titulacións neles ofertadas pola USC.

O Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia, así como a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) son outras das institucións representadas na comisión reitora do Campus Terra da USC e que tomaron parte na reunión celebrada este martes na Vicerreitoría de Coordinación da sede universitaria luguesa, unha xuntanza na que tamén participou o secretario Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, quen tamén figura como vogal neste órgano de goberno do Campus Terra.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.01.2018.