Pasar al contenido principal

O grupo PROePLA organiza un ciclo de relatorios sobre manexo hídrico e a xestión de viñedos con restos de xistos

Imaxe de viñedos na Ribeira Sacra
Imaxe de viñedos na Ribeira Sacra
O investigador da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC Javier J. Cancela abre o 8 de novembro na Casa de Cultura de Quiroga un programa de relatorios que continuará os días 9, 10 e 16 e a través do que se pretende transferir ao sector vitivinícola lugués ferramentas para a xestión eficiente do estado hídrico dos viñedos
Lugo

O grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC avanza na transferencia de ferramentas para a xestión eficiente do estado hídrico dos viñedos a través dun ciclo de relatorios que se desenvolverá na Casa da Cultura de Quiroga os días 8, 9, 10 e 16 de novembro.

O programa, organizado polo grupo PROePLA , xunto co CropQuality, unha unidade da USC asociada ao CSIC, e o Instituto de Ciencias da Vide e do Viño da Rioxa, xurde da necesidade de optimizar o manexo do estrés hídrico das vides na actual conxuntura de cambio climático nas zonas vitícolas.

A transferencia de ferramentas e de coñecementos acaídos para satisfacer as necesidades hídricas das vides e a optimización dos sistemas de fertirrega son dous dos cometidos deste ciclo, no marco do que tamén se tratará o manexo das cubertas vexetais nos viñedos, posto que na zona vitícola da Denominación de Orixe Ribeira Sacra existen depósitos de xistos moi relevantes en termos industriais e que xeran unha importante cantidade de restos durante o seu procesado.

As experiencias co manexo das cubertas vexetais con materiais inorgánicos teñen pouco recorrido no tempo, aínda que xa apuntan un gran potencial para a súa aplicación en viñedos. Esta práctica, subliñan os organizadores deste programa, pecharía o ciclo de produción da parte industrial e implicaría unha importante redución de custos para os viticultores, ao tempo que faría dos viñedos da DO Ribeira Sacra máis sustentables e resilentes.

O programa de relatorios, organizado en colaboración coas diversas administracións locais, provinciais e autonómicas, ademais de coa do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel, o Clúster da Pizarra de Galicia e o Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, vai dirixido a profesionais ligados ao sector vitivinícola, aínda que está aberto á participación de todo o público. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición de balde a través do formulario habilitado en liña o ben remitindo a folla de inscrición ao enderezo de correo electrónico actividades [at] proepla.com (actividades[at]proepla[dot]com).

Programa e relatorios

O profesor da USC na EPS de Enxeñaría e investigador do grupo PROePLA Javier J. Cancela abrirá o programa o 8 de novembro, ás 18.00 horas, na Casa de Cultura de Quiroga, cun relatorio titulado ‘Manexo do estado hídrico dos viñedos en Galicia, emprego de xisto nas liñas do viñedo’. De seguido, Cristina Álvarez Núñez, do Clúster da Pizarra de Galicia, falará sobre as propiedades do xisto galego.

O emprego de material vexetal para viñedos na Ribeira Sacra centrará o 9 de novembro a intervención de María Alburquerque, de Viveros Villanueva Vides. Jesús Yuste, do Instituto Tecnolóxico Agrario de Castela León, tratará nesta sesión a xestión da agua nos viñedos e os efectos da rega na produción de calidade. Unha charla a cargo de David Uriarte, do Centro de Investigacións Científicas e Tecnolóxicas de Estremadura, sobre os efectos da frecuencia da rega sobre o viñedo en clima mediterráneo, servirá de peche da xornada.

O asesoramento no manexo de rego en viñedo e as técnicas agronómicas encamiñadas a retrasar a maduración da uva centrarán a temática dos relatorios que ofrecerán o 10 de novembro no marco deste ciclo Amelia Montoro, do Instituto Técnico Agronómico Provincial de Albacete, e Luis Alberto Mancha, do Centro de Investigacións Científicas e Tecnolóxicas de Estremadura.

O profesor e investigador na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC Benjamín Rey abrirá a quenda relatorios do 16 de novembro cunha charla sobre manexo da fertirrega en viñedos galegos e uso combinado coa incorporación de xistos en liña. Ao remate da súa intervención, Martín Alemparte, do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra, pechará o programa cunha exposición sobre a xestión integrada de recursos naturais na zona vitícola do sur de Lugo.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.10.2021.