As aplicacións da xenómica en conservación, produción animal e acuicultura, a análise nun foro de investigación no Campus Terra
O grupo de investigación en xenética Acuigen da USC, dirixido polo catedrático Paulino Martínez e con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, celebrou este martes a última das sesións programadas no marco das xornadas ‘Xenómica para a mellora das producións e a xestión da biodiversidade’. Este foro, no que participaron como relatores algúns dos científicos españois máis relevantes nestas áreas, permitiu debater sobre accións de mellora da produción forestal ou conservación da biodiversidade, ao tempo que constituiu unha oportunidade para descubrir as posibilidades que ofrece a mellora xenética en sectores clave para a economía galega como o vacún, o porcino e mesmo a acuicultura.
As xornadas ‘Xenómica para a mellora das producións e a xestión da biodiversidade’, nas que formalizaron a súa inscrición máis de 80 persoas, supoñen tamén un foro concebido como canle para achegar ao sector produtivo galego as potencialidades que depara a súa colaboración con centros universitarios e tecnolóxicos. Os beneficios destas sinerxías poden deparar resultados moi positivos no caso dos grupos de investigación asentados no Campus Terra da USC, a fin de que orienten o seu labor de I+D+i cara as áreas de produción animal e vexetal, seguridade alimentaria ou o mantemento da rica biodiversidade que agroma o mundo rural.
Programa
O catedrático de Xenética da Universidade de Vigo Armando Caballero abriu a quenda de intervencións da sesión de clausura deste foro cun relatorio sobre os principios básicos da xenética da conservación e as súas aplicacións. A recuperación do lince na Península Ibérica centrou de seguido a intervención do director do departamento de Xenética Animal do Instituto Nacional de Investigacións Agrarias (Inia), Jesús Fernández. O profesor de Investigación do Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona, Francesc Piferrer abordou nesta xornada a epixenómica e a súa aplicación na produción animal, mentres que Miguel Andrés Toro, catedrático de Produción Animal da Politécnica de Madrid, pechou o programa matinal de relatorios cunha exposición sobre o pasado, presente e futura da mellora xenética animal.
A selección xenómica en porcino centrou a temática da primeira exposición programada en quenda de tarde e que correu a cargo de Miguel Pérez Enciso, profesor da Autónoma de Barcelona. A primeira edición das xornadas ‘Xenómica para a mellora das producións e a xestión da biodiversidade’ remataron con dúas intervencións sobre acuicultura. Así, o catedrático da USC Paulino Martínez ofreceu o relatorio co título ‘ Mellora xenética en acuicultura: Cara unha produción sostibble’. O investigador postdoutoral no Roslin Institute da Universidade de Edimburgo Diego Robledo pechou o programa das xornadas cunha intervención baixo o título ‘Arquitectura xenética de caracteres produtivos en acuicultura: Selección para resistencia ao virus IPN en salmón atlántico’.