A USC fai da agricultura e do medio ambiente motores de desenvolvemento internacional a través da capacitación
O doutoramento Agricultura e Medio Ambiente para o desenvolvemento, un programa coordinado polo catedrático da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra Agustín Merino e no que tamén participa a Universidade de Lisboa, impulsa desde hai máis dun lustro iniciativas locais de desenvolvemento orientadas a optimizar o aproveitamento de recursos agrarios e medioambientais en países de América Latina e África, a través da formación e da mellora da formación e da capitación investigadora.
Con máis dun lustro de experiencia académica e logo de construír un ecosistema de cooperación internacional e validar ferramentas de xestión académicas acaídas para a favorecer a transmisión e a transferencia de coñecementos á sociedade, o doutoramento en Agricultura e Medio Ambiente para o Desenvolvemento afronta esta nova etapa co obxectivo de implicar os actores no académicos nos programas de investigación, a fin de aumentar así o seu impacto nas comunidades locais de referencia, subliña Merino.
A conxuntura socioeconómica xerada trala pandemia causada pola COVID-19 favoreceu unha reflexión colectiva que remarca a necesidade dun uso máis intelixente e sustentable dos recursos naturais para reducir a progresiva perda de biodiversidade e garantir así a provisión de alimento á poboación, lembra este catedrático da USC, que defende a formación científica sólida como aval para facer fronte a estes desafíos globais.
20 universidades
Arroupado por preto de 20 universidades e centros de investigación de países de fala española e portuguesa, tales como Brasil, Guatemala, Ecuador, Panamá, España, Honduras, México, Paraguai, Costa Rica, Perú, Portugal e Mozambique, o coordinador deste doutoramento internacional liderado pola USC e que xa completou a formación de 13 doutores desde 2015 confía en poder espallar aínda máis a pegada deste programa. A recente renovación da acreditación internacional e o éxito de matrícula rexistrado no doutoramento, no que este curso completaron a súa inscrición 20 profesionais en activo interesados en ampliar as súas competencias e o grao de especialización no ámbito da investigación, apuntan neste senso.
O liderado que exerce a USC neste programa de desenvolvemento socioeconómico a través da formación de doutores nos ámbitos agronómico e medioambiental, susténtase da implicación de máis dunha ducia de profesores e investigadores do Campus Terra, na súa maioría vinculados á EPS de Enxeñaría e á Facultade de Veterinaria, que acaba de incorporar tres integrantes do seu cadro de docentes como supervisores de doutores e doutoras en formación. A maiores, engadiu Merino, este doutoramento tamén conta entre os seu activo con profesorado da Facultade de Bioloxía e mesmo con investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC.
Estadías de investigación
Alén das funcións de asesoramento e mellora das competencias formativas e das capacidades en I+D+i dos investigadores en formación inscritos no programa de Doutoramento Agricultura e Medio Ambiente para o Desenvolvemento, a USC tamén actúa como institución de acollida na que os investigadores desenvolve estadías de formación, como a que está a realizar na actualidade o enxeñeiro agrónomo guatemalteco Joel Morales no CiTIUS en Santiago.
Joel Morales, que é profesor na Universidade San Carlos de Guatemala, é o quinto investigador deste país centroamericano que está a realizar na USC a súa tese de doutoramento sobre cuestións ligadas ao cometido e á actividade do Centro Guatemalteco de Investigación e Capacitación da Caña de Azucre (Cengicaña), o máximo referente na industria agraria do azucre en Suramérica, comentou Agustín Merino.
A liña de investigación que está a desenvolver este enxeñeiro agrónomo guatemalteco na súa tese de doutoramento versa sobre sistemas de predición da produtividade en cultivos de cana de azucre desde unha perspectiva de rendibilidade, unha temática sobre a que ofrecerá este xoves, a partir das 18.00 horas, unha charla a través da plataforma temática Teams.