Pasar al contenido principal

Unha estratexia de vacinación por vía nasal fronte ao neumococo, premio de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo

Equipo de Sandra Robla no CiMUS
Sandra Robla, segunda pola esquerda, é investigadora do CiMUS
Os galardóns que outorga a Real Academia Galega de Ciencias recoñecen tamén con dúas mencións de honra aos investigadores da USC Javier Dubert e Víctor Santos
Santiago de Compostela

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) emitiu este xoves o ditame dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2021 que na súa categoría de persoal investigador mozo menor de 30 anos, recoñecen unha estratexia de vacinación fronte ao neumococo desenvolta na USC. O traballo ‘Nanosistemas baseados en quitosano como plataforma de administración de vacinas fronte ao neumococo’ foi realizado polos investigadores do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) Sandra Robla, Maruthi Prasanna e Noemí Csaba; así como por Rubén Varela, do departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC; e Cyrille Grandjean da Universidade de Nantes.

Esta investigación, publicada en marzo de 2021 na revista Drug Delivery and Translational Research, desenvolve unha estratexia de vacinación fronte ao neumococo, para administración por vía nasal. Nela empréganse unhas plataformas de tamaño nanométrico (nanocápsulas) a partir de quitosano, un polisacárido de orixe natural, co obxectivo de actuar como vehículo dunha proteína extraída da bacteria Streptococcus pneumoniae. As nanocápsulas desenvoltas presentaron unha gran estabilidade en medio nasal, con elevada asociación da proteína do neumococo e capacidade de interacción co sistema inmune. Sandra Robla agradeceu esta distinción á RAGC ao “recoñecer a actividade e o traballo que hai detrás e que suporá un gran impulso para continuar promovendo e apoiando a investigación e a ciencia en Galicia”.

Javier Dubert

O investigador da USC Javuer Dubert foi tamén recoñecido cunha mención na modalidade de traballo de investigación a un proxecto sobre bacteriófagos e a evolución bacteriana. Os autores principais deste estudo son, alén de Dubert, Fatima Hussain e Martin F. Polz do Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT); e Fréderique Le Roux do CNRS francés.

Os bacteriófagos (fagos ou virus que matan bacterias) son as entidades biolóxicas máis abundantes na Terra e xogan un papel fundamental en ecoloxía microbiana, xa que estes virus infectan bacterias de maneira específica. Do estudo da interacción entre fagos e bacterias derivaron numerosas aplicacións biotecnolóxicas (enzimas comerciais ou sistema de edición xenética CRISPR-Cas, entre outras) ou a terapia fáxica (utilización de bacteriófagos fronte a bacterias patóxenas) utilizada en clínica como alternativa á utilización de antibióticos.

As bacterias e os fagos evolucionan de maneira continua nunha carreira que lles permita sobrevivir. Neste estudo descríbese por primeira vez o mecanismo principal que as bacterias utilizan no medio natural para resistir á infección dos fagos. Este complexo mecanismo molecular baséase na transferencia rápida entre bacterias duns elementos xenéticos denominados “elementos de defensa fronte a fagos”, que se integran no xenoma bacteriano e garanten a supervivencia da bacteria fronte á acción dos fagos. “Os resultados demostran por primeira vez que o mecanismo de resistencia primario que as bacterias utilizan para protexerse dos fagos é intracelular, e non as proteínas localizadas na membrana bacteriana (receptores de membrana) como se afirmaba ata o momento. O alcance destes resultados afecta a aspectos básicos da bioloxía e senta as bases para entender a evolución bacteriana impulsada polos fagos. Isto ten un importante impacto sobre certas aplicacións nas que se empregan fagos, como a rapidez e facilidade coa que as bacterias adquiren estas resistencias debe terse en conta en clínica á hora de repetir ou utilizar a terapia fáxica a longo prazo”, explica.

“Agradecemos á RAGC a iniciativa que ten para visibilizar a ciencia que se fai en Galicia a través destes premios e que pon en valor a calidade das investigacións que se realizan nos centros de investigación da comunidade. Persoalmente, este premio supón un recoñecemento a unha investigación na que levamos traballando os últimos cinco anos e é unha motivación adicional para seguir investigando aquí e demostrar que desde Galicia se pode facer ciencia de primeiro nivel”, engade Dubert cuxos avances neste eido acaban de ver a luz en Science. O seu traballo financiouse en virtude de convocatorias postdoutorais da Xunta de Galicia.

Víctor Santos

A RAGC concede tamén unha mención honorífica na modalidade de promoción de mozos investigadores menores de 30 anos a un traballo sobre enxertos óseos sintéticos. O equipo recoñecido está composto polo investigador Víctor Santos, do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da USC; Beatriz Magariños, tamén do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da USC; Ricardo Starbird, da Escola de Química do Instituto Tecnolóxico de Costa Rica; Javier Suárez e José Bruno da Universidade de La Laguna; e Carmen Álvarez e Carlos Alberto García, do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia da USC.

Segundo explica Víctor Santos, na actualidade existe unha demanda moi alta de materiais para medicina rexenerativa que axuden a que o tecido danado se recupere. A pesar dos avances que se produciron nos últimos anos, Santos sinala que aínda resulta difícil producir scaffolds para rexenerar óso que conten coa arquitectura porosa axeitada para o crecemento do tecido e que, ademais, minimicen o risco de que trala súa implantación se produzan infeccións. “A produción convencional de scaffolds poliméricos implica unha etapa de fabricación seguida doutra de esterilización compatible coa composición e estrutura do scaffold. As técnicas de esterilización validadas ata o momento, ademais de alongar os procesos de fabricación, teñen un efecto negativo sobre a estabilidade física e química dos scaffolds”, aclara.

A través dunha abordaxe multidisciplinar no que participaron farmacéuticos, enxeñeiros e biólogos, o equipo conseguir implementar un procedemento en continuo que integra a fabricación e a esterilización de scaffolds poliméricos. Para iso, e facendo uso da tecnoloxía de CO2 supercrítico, Santos apunta que se demostrou, por primeira vez, que é factible destruír bacterias en forma vexetativa e en esporas preservando as propiedades dos materiais tratados. “É a primeira vez a nivel mundial que se consegue integrar a preparación e a esterilización de scaffolds nun só proceso. Os resultados desta investigación atópanse xa protexidos por unha patente española que está en fase de extensión a outros países”, subliña.

Víctor Santos asegura que esta distinción supón un recoñecemento ao esixente traballo levado a cabo estes últimos anos polo grupo I+DFarma en colaboración con centros de investigación nacionais e internacionais. “O premio anímame a seguir progresando e a participar en novos proxectos científicos multidisciplinares. Abordar un problema desde diferentes puntos de vista mellora a calidade e o impacto dos resultados”, apunta.

Trixésimo primeira edición

O proxecto premiado na modalidade de traballo de investigación realizado por investigadores sénior céntrase no paradigma da criptografía post-cuántica co deseño de esquemas homomórficos máis eficientes e seguros fronte a futuros ataques cuánticos. O equipo galardoado está formado por Alberto Pedrouzo e Fernando Pérez González, membros do centro atlanTTic da Universidade de Vigo (UVigo); un investigador pertencente á Escola Politécnica Federal de Lausana (EPFL) en Suíza, Juan Ramón Troncoso; e Nicolás Gama e Mariya Georgieva da empresa Inpher.

Estes galardóns chegan á súa trixésimo primeira edición con catorce traballos presentados nas dúas modalidades: traballo de investigación realizado por investigadores sénior, dotado con 6.000 euros, e traballo de investigación para incentivar a promoción de mozos investigadores menores de 30 anos, dotado con 2.000 euros. Os premios serán entregados nun acto o vindeiro mércores, 27 de outubro, no Pazo de San Roque en Santiago ás 19.00 horas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2023.