Pasar al contenido principal

O IGFAE leva ás aulas galegas unha ducia de detectores de partículas

Docentes traballando na montaxe da cámara de néboa
No obradoiro, cada docente montou dende cero o seu propio dispositivo con materiais proporcionados polo IGFAE
O EduLab, o espazo de diálogo entre o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías e a comunidade educativa, arrincou cun obradoiro teórico-práctico de cámaras de néboa para profesorado de secundaria e bacharelato de Galicia

Unha ducia de docentes de centros de educación secundaria e bacharelato de Galicia participaron no obradoiro de construción de cámaras néboa organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), unha actividade onde se ensinaron os fundamentos e o funcionamento básico destes detectores de partículas. Cada docente montou dende cero o seu propio dispositivo con materiais proporcionados polo instituto e que despois levaron ao seu centro para utilizarse como recurso educativo na aula e aprender en primeira persoa e en menor escala como funcionan detectores de partículas como os situados nos laboratorios do CERN.

Os raios cósmicos son partículas subatómicas de alta enerxía que bombardean constantemente a Terra dende o espazo exterior. Miles destas partículas atravesan o noso planeta e a nós mesmos cada segundo. Esta radiación natural é inofensiva e invisible aos nosos ollos, pero as pegadas que deixan as partículas  –as trazas– poden verse utilizando unha cámara de néboa, un dos primeiros e máis sinxelos detectores de partículas subatómicas que se poden construír desde que foi inventada a principios do século XX.

Baseándose nun prototipo de Pedro Agostini Infante, Adolfo Otero Fumega e Alejandro Vilar López, proposta gañadora do I Concurso de Comunicación Científica do IGFAE en 2018 na categoría ‘Experimentos’, o IGFAE deseñou en colaboración coa empresa MakerGal un detector de baixo custo e mantemento sinxelo, fácil de construír, manter e transportar polo profesorado. De forma complementaria, a técnica do IGFAE Cristina Cabo Landeira e o estudante de doutorado Daniel Regueira elaboraron os materiais didácticos usados no obradoiro, que impartiron xunto cos investigadores Javier Mas e Javier Martín, coordinador desta actividade co financiada con cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020. Debido ao éxito de participación espérase organizar outra edición proximamente

Posta en marcha de EduLab

Esta actividade supón, ademais, o lanzamento do EduLab, un espazo de diálogo entre o IGFAE e a comunidade educativa. Os IGFAE-Labs deséñanse co obxectivo de maximizar o impacto da actividade científica do instituto na sociedade, comezando pola máis próxima. EduLab é o segundo destes espazos –despois do ArtLab, espazo de comunicación entre arte e ciencia– e trata de producir maneiras innovadoras, máis atractivas e estimulantes, de educar nos temas científicos relacionados coa Física, en especial aqueles máis cercanos á investigación que se leva a cabo no IGFAE. Este laboratorio de ideas potenciará proxectos colaborativos deseñados e desenvolvidos por investigadores do instituto e persoas ligadas a comunidade educativa que poidan servir de apoio na actividade docente e tamén espertar vocacións científicas entre as persoas máis novas.

 

Cámara de néboa montada no obradoiro
Docentes participantes no obradoiro, revisan unha das cámaras de néboa finalizada no obradoiro
Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.10.2021.