O IES Lucus Augusti pecha as visitas de xaneiro do ciclo ‘Ciencia para novos investigadores’ no Campus Terra da USC
Alumnado do Instituto de Ensinanza Secundaria Lucus Augusti de Lugo pechou este mércores a primeira quenda de visitas da nova edición do ciclo ‘Ciencia para novos investigadores’, un programa de estímulo de vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado polo persoal da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC coa pretensión de achegar a súa oferta de estudos de grao e as posibilidades de investigación que deparan aos futuros universitarios.
Logo dun breve acto de benvida, que estivo guiado polo decano deste centro universitario lugués, José Manuel Martínez Ageitos, e no que tamén interviñeron os coordinadores das titulacións de grao impartidas na facultade (Enxeñería de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética), distintos profesores e persoal do centro conduciron sesións prácticas nos laboratorios, onde os estudantes preuniversitarios puideron realizar os seus propios experimentos.
Ao longo deste mes de xaneiro participaron neste ciclo estudantes de ensino secundario do Colexio Maristas-A Inmaculada, o IES Basanta Silva de Vilalba, IES A Pinguela de Monforte, CPI Ramón Piñeiro de Láncara, IES Sanxillao, IES Lucus Augusti, Colexio Divino Maestro, ademais do xa citado IES Ollos Grandes. Xa en maio participará alumnado de último curso da ESO do IES Ánxel Fole, Colexio Padres Franciscanos e Colexio San José.
En total, agárdase que uns 450 estudantes de ensino secundario de 11 centros educativos da provincia de Lugo coñezan a oferta formativa da Facultade e podan desenvolver sesións prácticas nos seus laboratorios no presente ano académico.