Pasar al contenido principal

Preto de 300 científicos solicitan en ‘Science’ que a OMC retire as “malas” subvencións para o sector pesqueiro

Segundo explica o profesor Villasante, a retirada das “malas” subvencións pode axudar a recuperar a biomasa dos recursos pesqueiros
Segundo explica o profesor Villasante, a retirada das “malas” subvencións pode axudar a recuperar a biomasa dos recursos pesqueiros. FOTO: Santi Alvite
Os asinantes entre os que se atopa o profesor da USC Sebastián Villasante piden, baseándose na evidencia científica, a retirada das axudas que incentivan a sobrecapacidade e poden xerar sobrepesca
Lugo

Un total de 296 científicos de todo o mundo, entre os que se atopa o profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC Sebastián Villasante, advirten da necesidade de que a Organización Mundial do Comercio (OMC) retire certo tipo de subvencións para o sector pesqueiro. Os asinantes da carta que acaba de ver a luz na revista Science, cualifican algunhas axudas como “malas” para este sector, seguindo a evidencia científica e de acordo co compromiso dos obxectivos das Nacións Unidas de Desenvolvemento Sostible.

 “Apoiamos continuar con axudas ao sector para unha pesca sostible e equitativa, xa que a pesca xestionada de forma sostible contribúe á seguridade alimentaria e nutricional das persoas, apoia os medios de vida e as culturas que dependen dela e protexe a biodiversidade”, apunta o coordinador do proxecto ERC Consolidator Grant EQUALSEA e membro do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS). Con todo, os pagos gobernamentais que incentivan o aumento de forma artificial da rendibilidade económica do sector, habitualmente conducen á “sobrepesca”. Este tipo de “pagos” están a aumentar en todo o mundo, “poñendo en perigo a sustentabilidade do sector”, explica. A OMC, na súa reunión ministerial de novembro de 2021, ten unha oportunidade única para alcanzar un acordo baseado na xestión sustentable da pesca, segundo os autores da carta titulada ‘The World Trade Organization must prohibit harmful fisheries subsidies’.

Os autores sinalan que, para frear a sobrepesca, a destrución de hábitats mariños e as emisións de CO2, e para salvagardar os alimentos e os medios de vida —en particular da pesca artesanal e dos pescadores máis vulnerables —, a OMC debe facer esforzos para retirar as “malas” subvencións ao sector pesqueiro. Segundo explica o profesor Villasante, a retirada das “malas” subvencións pode axudar a recuperar a biomasa dos recursos pesqueiros ao tempo que aumenta os niveis de capturas sostibles, os ingresos e o benestar dos pescadores e reduce as desigualdades nos ingresos cando as poboacións de peixes non se xestionan de forma eficaz.

Pola contra, debe considerarse un trato especial e diferenciado para as pesqueiras a pequena escala que utilizan artes de baixo impacto, pero só se se desvinculan de incentivar a sobrepesca. Para garantir a rendición de contas por parte dos gobernos, os autores suxiren apoiar os países de baixos ingresos “para que cumpran os seus compromisos e realicen a transición cara a unha xestión sostible”; e ademais recomendan “esixir transparencia nos datos e nas medidas de aplicación”. Por todo iso, fan un chamamento aos gobernos para que declaren o seu apoio á protección da sustentabilidade da pesca, a saúde do océano e o benestar de toda a sociedade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.10.2021.