Pasar al contenido principal

A importancia da educación para a transformación ecosocial, a debate no XXXIII Congreso SIPS en Profesorado

Estudantes nun espazo natural. Foto: Santi Alvite
Estudantes nun espazo natural. Foto: Santi Alvite
Uns 250 congresistas abordan os retos da transición ecolóxica e debaten sobre as respostas educativas á crise socioambiental no simposio da Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social, un foro internacional que remata este venres no Campus de Lugo logo dun amplo programa de relatorios e a presentación de máis de 150 comunicacións
Lugo, Santiago de Compostela

O XXXIII Congreso Internacional SIPS 2021, un foro promovido polo Grupo de Investigación Pedagoxía Social Educación Ambiental da USC, retoma esta tarde, a partir das 16.30 horas, as súas sesións na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, cunha mesa redonda na que se tratará a importancia da educación para a transformación ecosocial.

A sesión, que se poderá seguir de xeito presencial e tamén de forma telemática a través da páxina web do congreso, contará como relatores con Francisco Heras Fernández, da Oficina Española de Cambio Climático; María Sintes Zamanillo, do Centro Nacional de Educación Ambiental; José Manuel Gutiérrez Bastida, do Ingurugela – Goberno Vasco, así como con Dolores Limón Sevilla, da Universidade de Sevilla.

Unha vez rematado este coloquio, os preto de 250 congresistas inscritos nesta convocatoria na que A Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social (SIPS) afonda sobre o reto da transición ecolóxica e as respostas educativas á crise socioambiental, poderán coñecer algunha das máis de 150 comunicación científicas e divulgativas presentadas a un congreso que salienta a importancia da educación ambiental como pedagoxía social e afonda nos conceptos da formación da ecocidadanía e da cultura da sustentabilidade.

O programa do congreso da Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social (SIPS) centrado no reto da transición ecolóxica e nas respostas educativas á crise socioambiental chegará ao seu colofón este venres 5 de novembro coa presentación do libro ‘Espiral de otoño’, de José Ortega Esteban, a partir das 11.15 horas. A continuación, a Facultade de Formación do Profesorado acollerá a asemblea da Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social.

Carmen Velayos Castelo, da Universidade de Salamanca, e Ferrán Puig Vilar, do portal de divulgación científica, cambio climático e escaseza enerxética, ofrecerán a partir das 16.30 horas, un relatorio sobre transición ecolóxica, límites e posibilidades da educación ante o cambio global. A posterior presentación de diversos proxectos e experiencias en educación social desenvolvidas en España e Portugal precederá a sesión de clausura deste congreso. A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidirá este acto protocolario, no marco do que se procederá tamén á entrega do VIII Premio Mocidade Investigadora en Pedagoxía Social da SIPS.

O medio centenar de congresistas reunidos no Campus de Lugo co gallo da celebración deste congreso poderán gozar na mañá do sábado dun programa turístico que lles ofrecerá a posibilidade de completar un treito do Camiño Primitivo ou ben realizar un paseo urbano pola capital amurallada.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.11.2021.