Pasar al contenido principal

USC e Concello de Santiago dan pulo ao ‘Programa de atención bucodental a persoas en risco de exclusión social’

“A boa saúde dental mellorará a capacidade de comer ou falar, a autoestima e as relacións sociais, favorecendo a integración e a inserción social e laboral”, sinalan dende ambas as dúas institucións. FOTO: Santi Alvite
“A boa saúde dental mellorará a capacidade de comer ou falar, a autoestima e as relacións sociais, favorecendo a integración e a inserción social e laboral”, sinalan dende ambas as dúas institucións. FOTO: Santi Alvite
A institución compostelá ten en Odontoloxía o único centro público de Galicia onde se fan tratamentos bucodentais integrais e, dende hai décadas, unha boa parte da súa actividade clínica está orientada a colectivos con dificultades de acceso aos coidados odontolóxicos
Santiago de Compostela

Garantir o dereito á saúde no eido buco-dental daquelas prestacións non cubertas pola Seguridade Social entre persoas en risco de exclusión social é un dos fundamentos sobre os que se asenta o convenio de colaboración que USC e Concello de Santiago asinaron este venres. Ter unha boa saúde oral contribúe a evitar a exclusión social e favorecer a integración e a inserción social e laboral, subliñan dende as dúas institucións. Ademais, os beneficios da boa saúde oral evidéncianse na capacidade de comer ou falar, na autoimaxe, na autoestima e nas relacións sociais, tal e como establece o documento asinado polo reitor Antonio López e polo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. No acto tamén estiveron presentes o vicerreitor de Calidade, Jacobo Limeres; a profesora da USC e vicedecana da Facultade de Medicina e Odontoloxía, María Jesús Mora; e a concelleira responsable de Políticas Sociais e Saúde, María Milagros Castro Sánchez.

O Sistema Nacional de Saúde, de carácter universal, inclúe a Odontoloxía na súa carteira de servizos, pero a cobertura habitual é moi reducida e limítase fundamentalmente a extracción dental. Neste senso, a USC ten en Odontoloxía o único centro público de Galicia onde se fan tratamentos bucodentais integrais. Dende hai décadas, unha boa parte da súa actividade clínica está orientada a colectivos con dificultades de acceso aos coidados odontolóxicos. Así ten desenvolto programas asistenciais para persoas con discapacidade severa, sometidos a tratamentos de quimio/radioterapia, ou menores tutelados, entre outros.

O acordo aborda esta problemática en todas as súas dimensións. Así, contempla facer un traballo de educación sobre saúde bucodental nas persoas beneficiarias (identificación de actitudes de risco e instauración de medidas preventivas); levar a cabo o tratamento de dentes susceptibles de poder ser conservados mediante técnicas odontolóxicas básicas; así como a restitución de dentes perdidos con próteses dentais removibles. “A boa saúde dental mellorará a capacidade de comer ou falar, a autoestima e as relacións sociais, favorecendo a integración e a inserción social e laboral”, sinalan dende ambas as dúas institucións.

Recursos e requisitos

Para a execución deste programa a USC mobiliza o seu persoal docente de materias clínicas do grao de Odontoloxía, así como alumnado de 3º, 4º e 5º curso de materias clínicas da devandita titulación. Para poder beneficiarse das actividades ofertadas deben cumprirse dous criterios. Por unha banda, ter entre 5 e 80 anos de idade en risco de exclusión social segundo os criterios establecidos na Ordenanza de Garantía Básica Cidadá do Concello de Santiago de Compostela e que presenten unha situación odontolóxica abordable dentro dos obxectivos deste programa.

A USC e Concello de Santiago de Compostela, en consonancia coa filosofía da diversidade, da igualdade social e da integración, teñen o propósito de dar estabilidade á colaboración que se vén producindo entre ambas as dúas entidades, dado que a complexidade dos problemas sociais require da implicación de distintos colectivos e institucións públicas e privadas no camiño de conseguir a xustiza e a igualdade social.

De esquerda a dereita, Milagros Castro, Xosé Sánchez Bugallo, Antonio López, Jacobo Limeres e María Jesús Mora. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Milagros Castro, Xosé Sánchez Bugallo, Antonio López, Jacobo Limeres e María Jesús Mora. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.11.2021.