O Laboratorio de Referencia de Escherichia coli da USC, Premio Isabel Mínguez Tudela á Innovación en Sanidade Animal 2018
O Laboratorio de Referencia de Escherichia coli da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC acada o VI Premio Isabel Mínguez Tudela á Innovación en Sanidade Animal 2018, un galardón a través do que a Fundación VET+i Plataforma Tecnolóxica Española de Sanidade Animal distingue o mellor resultado transferible de I+D+i en sanidade animal, polo proxecto de desenvolvemento dunha vacina para previr diarreas en leitóns provocadas por cepas de E.coli .
O consello xestor da Fundación VET+i, o órgano encargado de fallar o certame a través do que a citada fundación pretende potenciar a colaboración público privada e a transferencia de tecnoloxía ao mercado, acordou distinguir co VI Premio Isabel Mínguez Tudela o proxecto ‘Vacina para a prevención das diarreas en leitóns provocadas por cepas Escherichia coli pertencentes a clons específicos e por Clostridium perfringens tipo C’, un estudo liderado polo catedrático do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC Jorge Blanco Álvarez e desenvolvido polos investigadores do Laboratorio de Referencia de Escherichia coli (LREC) da USC.
O xurado encargado de emitir o fallo deste galardón tivo en conta á hora de avaliar as distintas candidaturas presentadas á sexta convocatoria deste premio o grao de colaboración público-privada entre el centro solicitante e as entidades privadas do sector á hora de desenvolver o proxecto, a súa orientación ao mercado, a capacidade de resolución das demandas sociais da proposta, a transferencia efectiva do resultado, o seu potencial de internacionalización e de apertura de mercados no exterior e a participación no grupo de investigadores mozos.
Entrega do galardón
A cerimonia de entrega do VI Premio Isabel Mínguez Tudela á Innovación en Sanidade Animal, un galardón de periodicidade bienal instaurado en 2011 e sen dotación económica algunha, desenvolverase o vindeiro 30 de maio en Madrid no marco da X Conferencia Anual da Fundación VET+i, coincidindo co décimo aniversario da súa creación.
O galardón, creado a xeito de homenaxe póstuma ao labor científico desenvolvido por Isabel Mínguez Tudela, recoñece o importante legado deixado pola que fora responsable da área de sanidade animal na Dirección Xeral de Investigación da Comisión Europea e, en particular, o seu decisivo apoio á creación das plataformas tecnolóxicas como parte dos instrumentos vertebradores de todos os axentes relacionados coa I+D+i en sanidade animal e como ferramentas catalizadoras da colaboración público privada e da transferencia de tecnoloxía cara o mercado.