Pasar al contenido principal

Andrés Vázquez García, alumno mellor valorado nas prácticas externas extracurriculares do Consello Social

Andrés Vázquez e Cecilia Sierra
Andrés Vázquez e Cecilia Sierra no acto de entrega do diploma. FOTO: Santi Alvite
A institución distingue con 1.500 euros a este estudante do grao en Dereito que desenvolveu as súas prácticas na Valedora do Pobo durante os meses de xuño e xullo pasados
Santiago de Compostela

Andrés Vázquez García acaba de ser distinguido como o alumno mellor valorado nas prácticas externas extracurriculares que convoca o Consello Social da USC. Este alumno do grao en Dereito e que realizou as súas prácticas na Valedora do Pobo durante os meses de xuño e xullo pasados, recibirá 1.500 euros en recoñecemento á excelencia e ao esforzo desenvolvido na súa estadía na institución. A presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra Rey, fixo entrega do diploma acreditativo deste galardón deixando patente que “é un orgullo para nós convocar estas axudas e, sobre todo, favorecer que o alumnado poida salvar a distancia entre a teoría académica e a práctica profesional”.

“A experiencia que supuxeron as prácticas extracurriculares foi inmellorable”, subliñou Andrés Vázquez no acto de entrega do premio. “Todas as persoas que traballan na institución fixéronme sentir un membro máis do equipo”, engadiu. Ademais, este estudante de Dereito aproveitou a súa intervención para  recomendar as prácticas externas extracurriculares a todo o alumnado da Universidade xa que “aínda que non permiten obter créditos optativos, creo que son unha boa oportunidade para poñer en práctica os coñecementos adquiridos no grao, coñecer a realidade laboral e traballar nun equipo profesional”.

No acto de entrega do premio tamén estiveron presentes a profesora da USC e titora de Andrés, Marta Otero Crespo, así como Beatriz González Moreno, coordinadora xeral da Valedora do Pobo. “Cada vez son máis os alumnos e alumnas que solicitan este tipo de prácticas”, subliñou satisfeita a profesora Otero Crespo, boa proba de que as persoas que toman parte na iniciativa dan conta da súa boa experiencia e de que “o boca a boca funciona”. Pola súa parte, Beatriz González, ademais de felicitar a Andrés Vázquez García polo seu bo facer durante o período de prácticas, puxo o foco na “importancia da colaboración entre institucións” á hora de acometer este tipo de iniciativas que permiten que o alumnado coñeza de primeira man o mundo profesional.

O Consello Social, como órgano de participación da sociedade na Universidade, está comprometido coa mellora da empregabilidade, achegando a realidade laboral e complementando a formación teórica do alumnado mediante prácticas en empresas e institucións, ao mesmo tempo que fomenta a colaboración co tecido económico e institucional da nosa comunidade. Este premio outórgase dúas veces ao ano, coincidindo cos períodos de prácticas das convocatorias de febreiro e setembro.

Beatriz González, Cecilia Sierra, Andrés Vázquez e Marta Otero
De esquerda a dereita, Beatriz González, Cecilia Sierra, Andrés Vázquez e Marta Otero. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.05.2022.