Pasar al contenido principal

A USC elixirá reitor ou reitora o vindeiro 23 de febreiro de 2022

A proclamación definitiva do reitor ou reitora, de non ter que levarse a cabo unha segunda volta, será o 9 de marzo
A proclamación definitiva do reitor ou reitora, de non ter que levarse a cabo unha segunda volta, será o 9 de marzo
Na mesma xornada elixiranse representantes de todos os sectores no Claustro Universitario, así como de estudantes nas Xuntas de Centro
Lugo, Santiago de Compostela

O próximo reitor ou reitora da USC será elixido o vindeiro 23 de febreiro, data da xornada de votación segundo o calendario establecido na resolución reitoral publicada este luns. Nesa mesma data elixiranse igualmente representantes de todos os sectores no Claustro Universitario, así como de estudantes nas Xuntas de Centro. O obxectivo deste adianto electoral é evitar que se dilaten os tempos de constitución dos órganos colexiados e, deste xeito, lograr que o próximo equipo de goberno poida adoptar as súas propias decisións en materia orzamentaria e traballar de acordo ao seu programa de goberno o antes posible. Dende este luns 15, xa se pode realizar a consulta individualizada de inclusión nos censos provisionais.

Outra data destacada do calendario electoral é a publicación do censo definitivo o vindeiro 29 de novembro. Ademais, o período para a presentación de candidaturas nos tres procesos electorais estenderase entre o 30 de novembro e o 13 de decembro. A presentación deste trámite e dos escritos relacionados con esta convocatoria deberá facerse a través da aplicación electoral, antes das 14.00 horas do día no que remate o prazo de presentación.

Xa o 14 de febreiro de 2022 está prevista a proclamación definitiva de candidaturas que dará paso ao desenvolvemento da campaña electoral, entre os días 15 e 21 de febreiro. Logo da xornada de reflexión do 22 de febreiro, as votacións por vía electrónica celebraranse o 23 de febreiro entre as 9.00 e as 19.00 horas. A proclamación definitiva do reitor ou reitora, de non ter que levarse a cabo unha segunda volta, será o 9 de marzo.

Sistema de votación

Os electores/as terán que conectarse a través da súa Secretaría Virtual, ou ben dende a páxina web electoral, na que se habilitará unha ligazón á aplicación de voto.  En caso de non poder conectarse, as persoas interesadas deberán poñelo en coñecemento da Comisión Electoral Central ou da Secretaría Xeral a efectos de que se tomen as medidas oportunas para resolver a incidencia. A comunicación farase a través da conta de correo evoto [at] usc.es (evoto[at]usc[dot]es)

O proceso electoral consistirá na emisión de votos dende un dispositivo conectado a  Internet ata unha urna dixital remota situada nun recinto protexido e baixo a custodia da Comisión Electoral Central da USC. A USC garantirá que a infraestrutura tecnolóxica que dá soporte ao sistema electoral contemple as medidas de seguridade que garantan o correcto funcionamento durante o período no que se exerce o dereito ao voto, o secredo e a privacidade do votante, a  integridade do voto e un escrutinio disociado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2021.