Pasar al contenido principal

O Campus Terra da USC, un referente alimentario, agroforestal e gandeiro para a universidade portuguesa

Elvira López Mosquera, no centro co reitor e vicerreitores da UTAd, na Aula de Produtos Lácteos da USC
Elvira López Mosquera, no centro co reitor e vicerreitores da UTAd, na Aula de Produtos Lácteos da USC
Unha delegación da Universidade de Tras os Montes e Alto Douro visita o Campus de Lugo co obxecto de reforzar a mobilidade de estudantes e docentes, explorar posgraos interuniversitarios e desenvolver proxectos de I+D+i conxuntos
Lugo

O Campus Terra da USC está consolidarse como un referente para a universidade do Norte de Portugal nos ámbitos agrogandeiro e forestal, tal e como constata a visita realizada esta semana ao Campus de Lugo por unha delegación da Universidade de Tras os Montes e Alto Douro (UTAD) co obxecto de potenciar a mobilidade de docentes e estudantes entre as dúas institucións académicas, ademais de explorar a posible articulación de posgraos interuniversitarios ou o desenvolvemento de proxectos de I+D+i conxuntos no eido da innovación e en base ás capacidades complementarias da USC e da UTAD.

Potenciar as sinerxías e estreitar a xa dilatada colaboración existente entre a UTAD e a sede universitaria luguesa da USC é un dos cometidos do novo equipo de goberno da universidade de Tras os Montes e Alto Douro, cuxo reitor, Emilio Gomes, tivo a ocasión de coñecer polo miúdo as fortalezas e potencialidades do Campus Terra nos eidos agrario, gandeiro e forestal.

Daquela, Gomes, que estivo acompañado de Joâo Barroso, vicerreitor de Innovación, e de Cristina Saraiva, vicerreitora de Parceiras e Relacións Institucionais da UTAD, aproveitou a súa estadía no Campus de Lugo para trasladar ao reitor da USC, Antonio López, a pretensión de establecer un novo convenio marco entre as dúas universidades.

O feito de que moitas das titulacións académicas impartidas pola UTAD no seu campus de Vila Real e de que parte da investigación que alí se desenvolve coincide en grande medida co ámbito de especialización do Campus Terra da USC, conforman un escenario apropiado para fortalecer as ligazóns entre a universidade galega e a lusa, ao tempo que abre novas posibilidades de cara a traballar de man cara a futura convocatoria de proxectos internacionais ao abeiro dos programas Interreg e Horizonte Europa.

Outra das liñas de colaboración interuniversitaria nas que os dous reitores ven posible avanzar é a referida ao impulso de proxectos innovadores que dean cabida á participación de empresas galegas e portuguesas, ademais de ao persoal docente e investigador das dúas universidades.

Alén de intercambiar impresións e de analizar obxectivos compartidos para sentar as bases dun novo convenio entre USC e UTAD, a delegación universitaria portuguesa aproveitou a súa estadía no Campus de Lugo para visitar as instalacións do Hospital Veterinario Rof Codina, o Cebiovet ou a Granxa Experimental do Campus Terra. A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC, a Plataforma de Exeñaría de Madeira Estrutural (Pemade) e o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) foron outros dos enclaves universitarios que tamén espertaron interese por parte da delegación lusa, a fin de abrir novas liñas de traballo nos ámbitos alimentario, forestal e ambiental.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; e adxunta á citada vicerreitoría da USC para Investigación, Transferencia Innovación, Elvira López Mosquera, participaron nas distintas sesións de traballo celebradas coa delegación lusa, ás que tamén se  o director xerente do Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino; os deputados provinciais Pilar García Porto e Roberto Fernández; a directora da Granxa Experimental do Campus Terra, Sonia Verdes, así como persoal técnico da APLTA e investigadores da sede universitaria luguesa.

De esquerda a dereita, Roberto Fernández, Emilio Gomes, Antonio López, Sonia Verdes, Pilar García e Montserrat Valcárcel, na Granxa Experimental do Campus Terra
De esquerda a dereita, Roberto Fernández, Emilio Gomes, Antonio López, Sonia Verdes, Pilar García e Montserrat Valcárcel, na Granxa Experimental do Campus Terra
Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.11.2021.