Pasar al contenido principal

Publicado o censo definitivo nas eleccións a reitor/a, representantes no Claustro e estudantes nas Xuntas de Centro

O proceso electoral consistirá na emisión de votos dende un dispositivo conectado a  Internet ata unha urna dixital remota situada nun recinto protexido e baixo a custodia da Comisión Electoral Central da USC. FOTO: Santi Alvite
O proceso electoral consistirá na emisión de votos dende un dispositivo conectado a Internet ata unha urna dixital remota situada nun recinto protexido e baixo a custodia da Comisión Electoral Central da USC. FOTO: Santi Alvite
O período para a presentación de candidaturas nos tres procesos electorais estenderase dende este martes 30 de novembro ata o 13 de decembro
Lugo, Santiago de Compostela

O prazo para a presentación de candidaturas nos procesos electorais abertos na USC para elixir reitor/a, representantes de todos os sectores no Claustro Universitario, así como de estudantes nas Xuntas de Centro estenderase dende este martes 30 de novembro ata o 13 de decembro. Este novo chanzo nos comicios prodúcese logo de que este luns 29 se publicara o censo electoral definitivo. Toda a información relativa aos comicios pode consultarse na web das eleccións.

A presentación das candidaturas, así como os escritos relacionados coas eleccións, deberá facerse a través da aplicación electoral, antes das 14.00 horas do día no que remate o prazo de presentación e o 15 de decembro publicarase a listaxe provisional de candidaturas. Xa o 14 de febreiro de 2022 está prevista a proclamación definitiva das mesmas, o que dará paso ao desenvolvemento da campaña electoral, entre os días 15 e 21 de febreiro. Logo da xornada de reflexión do 22 de febreiro, as votacións por vía electrónica celebraranse o 23 de febreiro entre as 9.00 e as 19.00 horas. A proclamación definitiva do reitor ou reitora, de non ter que levarse a cabo unha segunda volta, será o 9 de marzo.

Sistema de votación

Os electores/as terán que conectarse a través da súa Secretaría Virtual, ou ben dende a páxina web electoral, na que se habilitará unha ligazón á aplicación de voto.  En caso de non poder conectarse, as persoas interesadas deberán poñelo en coñecemento da Comisión Electoral Central ou da Secretaría Xeral a efectos de que se tomen as medidas oportunas para resolver a incidencia. A comunicación farase a través da conta de correo evoto [at] usc.es (evoto[at]usc[dot]es)

O proceso electoral consistirá na emisión de votos dende un dispositivo conectado a  Internet ata unha urna dixital remota situada nun recinto protexido e baixo a custodia da Comisión Electoral Central da USC. A USC garantirá que a infraestrutura tecnolóxica que dá soporte ao sistema electoral contemple as medidas de seguridade que garantan o correcto funcionamento durante o período no que se exerce o dereito ao voto, o segredo e a privacidade do votante, a  integridade do voto e un escrutinio disociado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.11.2021.