Pasar al contenido principal

As diferentes vías para fomentar sistemas legais orientados ao benestar das persoas, obxecto de análise nun foro da USC

Cartel do foro
Cartel do foro
O VI Congreso Iberoamericano de Xustiza Terapéutica desenvolverase entre o vindeiro luns 6 e o mércores 8 de decembro
Santiago de Compostela

Que tanto a lexislación e os procedementos legais como a súa aplicación estean orientados a acadar o maior benestar posible nas persoas que acoden ao sistema legal é o fundamento da xustiza terapéutica, eixo do congreso internacional que promoven, de xeito virtual a Unidade de Psicoloxía Forense da USC, o grupo PS-1 da UVigo e a Asociación Iberoamericana de Xustiza Terapéutica (AIJT) e o Poder Xudicial do Perú. Con máis de mil persoas inscritas, o VI Congreso Iberoamericano de Xustiza Terapéutica desenvolverase entre o vindeiro luns 6 e o mércores 8 de decembro, coa participación como relatores de expertos académicos e de representantes da xudicatura, a fiscalía e a avogacía tanto de España como de diferentes países de América Latina.

Dirixido a “compartir os avances e os aspectos nos que están traballando os académicos e profesionais vinculados coa xustiza terapéutica”, como sinalan dende a organización, este congreso aglutina no seu programa diferentes simposios, mesas de expertos, conferencias e presentacións de comunicacións, nas que intervirán máis dun centenar de relatores. Esta sexta edición ía ter lugar en novembro do pasado ano en Lima, coa colaboración do Poder Xudicial do Perú e do capítulo da AIJT neste país. Tras o seu adiamento, a situación provocada pola pandemia obrigou finalmente a desenvolver de xeito virtual un congreso que reunirá conferenciantes de México, Chile, Brasil, Ecuador, Arxentina, Porto Rico, Colombia, Panamá e República Dominicana, ademais españois e peruanos. Dirixido principalmente, a profesionais e estudantes de Dereito, Criminoloxía ou Psicoloxía, así como a outra serie de axentes de diferentes áreas relacionadas coa xustiza, o congreso leva por título ‘Avances da xustiza terapéutica nas ciencias xurídicas e o acceso á xustiza’ e será o primeiro que a AIJT leve a cabo de xeito virtual.

Múltiples ámbitos de análise

O congreso virtual abrirase o luns coas intervencións de Fariña, da presidenta do capítulo peruano da asociación, Jenny Junco, e do xuíz supremo e vicepresidente da Comisión Permanente de Acceso á Xustiza de Persoas en Condición de Vulnerabilidade e Xustiza na túa Comunidade do Poder Xudicial do Perú, Carlos Calderón. Neste primeiro día desenvolveranse tamén os dous simposios promovidos polo Poder Xudicial peruano e centrados “no acceso á xustiza terapéutica das poboacións vulnerables”. Tamén nesta primeira xornada terá lugar unha conferencia do presidente honorario da International Society of Therapeutic Jurisprudence e da AIJT, David B. Wexler, seguida dunha intervención na que Fariña fará balance dos dez anos de traxectoria da asociación iberoamericana.

Nas seguintes dúas xornadas, o congreso porá o foco “en temáticas relacionadas con diferentes ámbitos da xustiza, desde a perspectiva” dunha xustiza orientada ao benestar dos diferentes implicados. Así, o martes 7 dúas mesas de expertos porán en relación este paradigma cos conflitos coa lei dos adolescentes e coa violencia cara a infancia. Ao longo desta xornada terán lugar tamén, en diferentes salas virtuais, simposios sobre a súa aplicación en ámbitos como a xustiza penal, o dereito de familia e a violencia machista, así como na visión que teñen desta os “decisores” xudiciais e na súa aplicación nos sistemas xuvenís en diferentes países de América Latina. Por último, para o mércores están previstos outros catro simposios, que abordarán cuestións como a función do xuíz penal cun enfoque de xustiza terapéutica e a súa aplicación no ámbito de familia e nos casos de adolescentes en conflito coa lexislación penal.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.12.2021.